miércoles, 16 de junio de 2010

Escultura sen límites, Faro de Vigo

He publicado hoy en Faro de Vigo, Faro da Cultura, esta reflexión sobre la escultura sin límites.


Escultura sen límites
Unha das bondades da arte contemporánea, é que nos abre fiestras a través das que mirar paisaxes que doutro xeito permanecerían ignotos para nós.
No eido do escultórico, hai matices que revisan a definición dogmática da escultura como “talla e modelado con barro, madeira ou pedra de figuras de bulbo”.
Ese nominalismo no que un significante acolle unha panoplia reducida de significados, comezou a trocar a fines do século XIX, cando autores como Auguste Rodin ou Medardo Rosso, facían evolucionar a escultura cara a unha materialidade, na que o resultado formaba parte das formas orgánicas orixinarias do material esculpido. Ademais de incorporar a novidade da escultura exenta de base ou soporte.
Estas novidades do matérico e da escultura exenta de tarima, pódense apreciar ben arestora, na monumental exposición retrospectiva que lle ten dedicado o museo Reina Sofía, ó escultor Thomas Schutte.
Tamén na época da vangardas, aparece o emprego de novos materiais para a realización de pezas escultóricas. O artista Mariano Fortuny, cos seus deseños de vestidos é un exemplo de avance no eido da escultura, no atinente ós materiais. Pois tiña feito un acercamento intelectual e investigador ós tecidos, sendo o primeiro artista en empregar o vestido como forma de expresión escultórica per se. A grande exposición retrospectiva que lle dedica o Museo del Traje de Madrid pon en valor o seu traballo neste campo de rutilante actualidade.
O eido onde se exploran de modo máis definitivo as posibilidades escultóricas do traxe hoxe en día, é nas escolas de artes. A Real Academia de Artes de Anveres,en Bélxica,ven de realizar o seu desfile anual de fin de curso. A explosión de cores e volumes, acada nos proxectos da escola, límites nunca antes pensados. Unha chaqueta cun polisón nas costas, transfórmase en prenda para tres rapaces que xiran sobre eles mesmos, facendo unha especie de metáfora das tres grazas de Rubens, onde o suxeito no é a mitoloxía, se non a roupa.
Trátase dun avance tanto nos materiais como no espazo potencial onde colocar a escultura, que de ser orixinariamente un traballo de materiais ríxidos ou pesados localizado sobre podios. Pasa agora a ser un eido de materiais febles apoiados no propio corpo humano.
Non hai que esquecer, na relación do vestido coa escultura a Cristóbal Balenciaga. O costureiro é considerado como mestre de mestres e deu tratamento arquitectónico e volumétrico ó vestido como expresión artística. O seu traballo pode verse arestora no museo de Belas Artes de Bilbao.
Era o seu, un universo visionario, de escultura lista para levar, que atopa hoxe en día reflexo en traballos como o de Hussein Chalayan, formado na Central Saint Martins School de Londres.
Tanto Balenciaga como Chalayan, teñen unha peculiaridade tecnolóxica no seu traballo. Os vestidos do primeiro semellaban recoller os avances plásticos racionalistas da época. E os traxes de Chalayan, incorporan dispositivos robóticos que aportan movemento ás pezas escultóricas en forma de vestido. Esas novidades puideron verse recentemente, na mostra The Art of Fashion, no Boijmans Museum de Róterdam.
Na feira de arte contemporáneo de Basilea, que se celebra en Suiza, entre o 16 e o 20 de xuño deste 2010, aparece como unha das novidades a incorporación da tecnoloxía cibernética á escultura. A cinética, era xa coñecida polo escultor Jean Tinguely nos anos cincuenta e era o leitmotiv dos móbiles de Calder. Agora ademais de bulir, a esculturas teñen rexistros informáticos que lle permiten interactuar coa audiencia ou reproducir movementos propios dos vídeo xogos. Así pezas escultóricas de Mariko Mori, permiten incorporar os sentimentos do que as visita. Obras de Pipilotti Rist, desdebuxan o límite entre proxección fílmica e escultura. Ou as retroproxeccións de Julien Opie, converten en tridimensionais a persoeiros que semellan habitar un mundo de cómic.
A variedade de significados que permite a interpretación hipermoderna do significante escultura, fai que a tridimensionalidade acolla no seu seo, todas as posibilidades estéticas e conceptuais, do poliédrico discurso plástico do século XXI. Sen ir mais lonxe, na mostra “89kms”, do MARCO de Vigo, hai cadros tridimensionais de Francis Alÿs. Biombos translúcidos de Liam Gillick. Carros fluorescentes de Iván Navarro ou artefactos industriosos de Mona Hatoum. Falta no MARCO, a escultura téxtil ou moda arquitectónica, tal e como se presenta nos desfiles anuais da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na súa titulación de Moda. Unha máis de posibilidades do significado da escultura sen límites.
Román Padín Otero