jueves, 4 de febrero de 2010

Man Ray; Cadáveres exquisitos


CADÁVERES EXQUISITOS
Man Ray: a arte da reinvención
¿Quen non coñece a arte surrealista? Unha forma de creación que xurde formalmente coa publicación do “Manifesto Surrealista” no ano 1924, e que conta entre os seus militantes cós máis célebres artistas do século XX. Poetas, pintores, fotógrafos, arquitectos, ourives, modistos, teñen engrosado os anais da creación surrealista, dende o inicio desta forma de experiencia creativa até os nosos días. Facendo que o termo “surreal” se teña espallado e transferido dende o cultismo referido á unha forma de arte inspirada no soño e nas formas alternativas de percepción, até converterse nun adxectivo que aplicamos para todo aquilo que resulta “extraordinario e onírico”.
A mestura da vixilia e o sono na experiencia plástica, non aparece ex novo cos vangardistas do círculo de André Bretón, como Louis Aragon e Paul Éluard ou cos cadros asombrosos de Salvador Dalí e René Magritte. Antes ben, existen claros antecedentes da experiencia dun universo con lóxica allea á realidade na obra do pintor manierista Arcimboldo no século XVI, quen facía retratos con flores e vestidos con formas de animais, esvaecendo daquela a fronteira entre forma e contido. E tamén se cita como antecedente o universo de El Bosco, co seu famoso “Xardín das delicias”.
Son moitas as exposicións dedicadas ó surrealismo e o seu ámbito. Hai pouco tempo o Guggenheim de Bilbao, presentaba na mostra “Cousas do surrealismo”, un repaso pola relación do movemento surrealista co teatro, a moda, a decoración e o deseño.
Arestora é o Jewish Museum de Nova York, quen dedica unha retrospectiva de tipo cronolóxico a un dos surrealistas máis célebres. O pintor, fotógrafo, escultor, cineasta e poeta, Emmanuel Radnitzky, máis coñecido polo seu alias Man Ray, é suxeito dunha formidable exposición que recolle unha selección antolóxica dos seus traballos e abundante información da época e da vida do artista.
As creacións de Man Ray máis divulgadas son as fotografías, como o retrato de Kiki de Montparnasse de costas como se fora un violín ou as súas fotografías de moda. E tamén os seus xogos alumínicos chamados “raiografías”, que mostran sombras e perfiles de obxectos retratados de xeito singular pola cámara fotográfica. Dúas cuestións saliéntanse desta retrospectiva sobre Man Ray. Dunha banda a súa capacidade de se reinventar, que o levou a trocar de nome e mesmo de actividade en innumerables ocasións ó longo a súa vida, conseguindo manter, de certo, a súa rutilante personalidade. E a segunda cuestión que destaca desta exposición, é que serve de recordatorio da perenne presenza do surrealismo na actualidade, especialmente nos creadores contemporáneos que se remiten a fórmulas de traballo e temáticas propias dos automatismos e cadáveres exquisitos inventados polos surrealistas.
No eido da arte, hai na actualidade unha volta ó emprego do sistema surrealista do “cadáver exquisito”. Na programación de exposicións na sala Verónicas de Murcia, hai arestora un proxecto chamado Dominó Caníbal, que xira entorno ó encadeamento das obras de arte feitas polo conxunto de artistas convocados á exposición. O primeiro artista en ocupar a sala de exposicións é Jimmie Durham, cuxo traballo será continuado por outro artista quen á súa vez será reinterpretado por aínda outro creador até completar unha lista de sete creadores. É un cadáver exquisito como os dos surrealistas, onde nunha peza de papel alguén comezaba un debuxo que era completado de xeito automático por outros creadores.
Un dos artistas invitados ó Dominó Caníbal, é Kendell Geers, quen emprega elementos propios do surreal como a alteridade, a violencia, a sexualidade e o medo, para servir de leitmotiv ós seus traballos. Nunha grande monográfica dedicada ó artista no museo Da2 de Salamanca no 2008, facíase notar ese universo de irónica dúbida sobre os principios morais prefigurados, algo de seu surrealista.
Tamén presente entre os artistas do Dominó, está Francis Alÿs. Un artista de orixe belga residente en México que traballa entre outros argumentos surrealistas co do automatismo, e propón por exemplo a copia da copia do cadro feita por artesáns anónimos. Os surrealistas, tamén gustaban de polemizar sobre a autoría e orixinalidade da obra de arte.
En fin a ironía e a sátira, son elementos propios dos surrealistas, que están arestora servindo de leitmotiv á exposición colectiva que no MARCO de Vigo presentase baixo o título “Cousas que só un artista pode facer”. Accións e performances de Tere Recarens, que limpa o ceo de Berlín dende un avión. Enrique Lista, quen contrata cos comisarios una perfomance diaria que abrangue dende cousas cotiáns até agarrarse a un cravo ardente. E así até 12 autores, que nos fan debuxar un sorriso cos seus divertimentos.
O surrealismo antes e hoxe ten como eixo rirse deste mundo tolo no que vivimos, o soño e a sátira para seguir a diante.
In fashion
Unha das facetas máis coñecidas de Man Ray, sitúano como fotógrafo de moda. Retratou modelos de Poiret, Lanvin, Vionnet, Mainbocher, e da tamén surrealista Elsa Schiaparelli para revistas como Bazaar, Femina ou Minotaure. Outros artistas surrealistas como Salvador Dalí ou Giorgio de Chirico, traballaron tamén para o sistema da moda, creando xoias, estampados para tecidos ou mesmo creando traxes de fantasía.
Esa herdanza surrealista está vixente nos nosos días e non son poucos os creadores do sistema da moda que fan creacións de vangarda surreal. O modisto Moschino, viña deseñando dende os anos oitenta un universo cheo de xogos surreais, como a mestura de madonnas con osiños de trapo, botóns con forma de beizo ou traxes con trampantoxos que enganan ó ollo. Tralo seu pasamento o equipo de deseño da firma segue a facer un mundo de soño que vive ó outro lado do espello.
Outros grandes do discurso surreal son os holandeses Viktor&Rolf, quen teñen feito unha boutique invertida, onde o teito é chan. E tamén deseñan traxes con luces, abrigos que son unha cama, saias con buratos como se foran un queixo e irónicos abrigos que levan escrita a palabra “No”, para negar o sistema da moda.
No eido dos perfumes, é imprescindible citar a colonia para home de Paloma Picasso, que se chama “Minotaure”, que toma o seu nome da revista surrealista homónima, fundada na época das vangardas polo seu pai Pablo Picasso. Tamén as colonias de Viktor&Rolf, “Flower bomb” e “Antidote”, xogan no seu concepto coa ironía da bomba e da menciña para crear un aroma.
No eido das xoias compre mencionar como pezas surreais dos nosos días as creacións de enorme tamaño asinadas por Victoire de Castellane para Dior. E as pezas da xoiería veneciana Codognato, quen inventou os esqueletos como motivo para aneis e broches.
Román Padín Otero
I´ve published to-day este artículo sobre el surrealismo y sus instrumentos en el Faro de Vigo, Faro da Cultura...a propósito de una exposición de Man Ray en Nueva York...Román