O tempo recobrado
Os anos de troco do século dezanove ó vinte, teñen sido nomeados como la Belle Époque. Un tempo dourado de luxo, calma e voluptuosidade entre datas marcadas polos conflitos bélicos dos imperialismos centroeuropeos e a primeira guerra mundial. Ese xeito de chamar a un tempo de calma, foille outorgado á época devandita anos despois de ter rematado. O recordo dun tempo envolto entre valses e balnearios, non se esvaeceu sen deixar un aroma no aire. O recordo dunhas veladas con señoras vestidas con silueta en forma de “S”, peiteados con forma de champiñón, tecidos translúcidos e xoias diamantinas, quedou como fermoso canto de cisne. A memoria de cabaleiros ataviados con traxes de etiqueta de cor negra con camisas de branco impoluto, resultaba imaxe nostálxica de antigos imperios. Aínda as formas do vello réxime, cos rigores aristocráticos e o empuxe libertario da burguesía, eran sinónimo dun cambio, para que como explicaba o Gatopardo viscontiano, todo seguira igual.
As artes desa época veñen marcadas polo interludio estético entre o clasicismo académico e as innovacións tonais das vangardas. Ese interludio tomou unhas formas novas, dunhas artes que procuraban una iconografía única que rompía co pasado sen opoñerse radicalmente a el. Era un arte novo que inspirado nas formas da natureza ou en formas reticulares arquitectónicas, creaba unha atmosfera integradora de tódalas disciplinas. A época viña marcada polas innovacións conceptuais de Richard Wagner e a súa obra de arte total. Unha visión integradora das artes que atopou no movemento Arts&Crafts, nos Prerrafaelitas ou no propio Art Nouveau, representación pictográfica idónea, dunhas coordenadas estéticas que querían ser tan modernas como a máquina de vapor.
Neste contexto de cambio estético e de debate político entre formas do antigo réxime e as innovacións das monarquías parlamentarias, atopamos un cumio de creadores que combinan a memoria dun tempo pasado con certa melancolía, coas ilusións dun tempo futuro cargado de innovacións.
Marcel Proust, coa súa monumental obra “Á procura do tempo perdido”, é o paradigma de autor que mestura un estilo creativo moderno coa narración de feitos e recordos do pasado. Dalgún xeito integra toda a herdanza dun estilo de vida a piques de ser esquecido, que pertence ó século XIX, coa modernidade dunha composición literaria que habería de servir como referente para toda a escrita posterior do século XX e tamén no novo milenio.
En tódalas novelas que compoñen o ciclo proustiano, aparece retratada unha galería de persoeiros que latexan nas súas vidas con intermitencias do corazón e sentimentos fondos e doentes. É unha forma de sentir e amar na que coloca no mesmo nivel á estética e as paixóns. Unha forma de existencia poética que fai elevar e sublimar cada pequeno momento do día ou da noite.
Nese ambiente de arte novo, con músicas que teñen ecos do pasado con innovacións melódicas e tonais, toman importancia os salóns e a vida nas festas. Nestas veladas mestúranse os artistas coa alta burguesía e a aristocracia, e da combinación alquímica de talento, paixón e vida social xurde toda unha pléiade de personaxes,que conforman o espírito dos tempos do Art Nouveau.
Un dos amigos íntimos de Marcel Proust, un afeccionado devoto ós salóns e á alta sociedade, era Reynaldo Hahn. Músico, director de orquestra, intérprete nas veladas máis elegantes das súas propias composicións, foi un exemplo de creador con toques de dilettantismo que conforma un retrato preciso do modo de vida e o estilo no que se inspiraba Proust para os seus persoeiros.
As cancións de Reynaldo Hahn, encerran as peculiaridades creativas proustianas. Responden a un estilo tardo romántico e clasicista, que avanza en innovacións sonoras nalgúns casos, sempre atendendo á tonalidade e á cor en harmonía da melodía.
Canto ós poemas que emprega para poñerlle música, fai unha selección dos máis fermosos versos dos seus contemporáneos e con eles configura unha cosmoloxía de sentimentos amatorios e afecciones estéticas. É un universo sonoro de intermitencias do corazón, onde os sentimentos son fondos como a noite e largos como o aroma dunha rosa levada polo aire no vento de primavera.
Na canción “A Chloris”, compara o amor coa ambrosía e os praceres dos reis. No poema de Théophile de Viau, faise un resumo esteticista do sentimento infinito do que ama.
Nas cancións “Le rossignol des lilas”, “Le printemps” e no ciclo “Venezia”, as comparacións dos sentimentos afastados de sublimación coa beleza da natureza ou a evocación e recordo de lugares dilectos, toma forma poético musical en versos de Léopold Dauphin e Théodore de Banville. O ciclo de cancións venecianas ten a peculiaridade de que é en dialecto.
En fin, “Fêtes galantes”, é unha apoloxía de Paul Verlaine, ó amor mitolóxico en forma de cita ós cantos de serenata e divertimentos con ecos de mandolina.
Todo o conxunto da obra marabillosa de Reynaldo Hahn, evoca un tempo no que a modernidade non acabou con tódolos sentimentos de fermosura, e houbo quen soubo manter unha creación allea á imposición das vangardas, quen malia os seus avances fixeron moito por aniquilar o bo gusto da contemporaneidade.
Os estetas sempre vencen, mesmo no esquecemento, e Reynaldo Hahn é un “vincitor”, agora que se lle recorda en concertos como este.
Román Padín Otero