jueves, 14 de enero de 2010

Bauhaus no MOMA




O espiritual na arte. Bauhaus
O Museo de Arte Moderna de Nova York, MOMA, presenta esta tempada unha exposición sobre a Bauhaus. Baixo o título “Bauhaus 1919-1933: Workshops for Modernity”, faise repaso da máis influínte escola de arte vangardista, deseño e arquitectura de todo o século XX. Foi unha comunidade que operaba como laboratorio para redefinir a práctica artística na era contemporánea.
A escola Bauhaus foi fundada no ano 1919 e tivo 14 anos de existencia directa, pois foi pechada polos nazis no ano 1933. Malia a abrupta escena final da biografía directa da escola, a súa traxectoria espiritual continuouse ó longo de todo o século XX. Tralo peche da escola e a diáspora provocada pola segunda guerra mundial, non poucos relevantes membros da escola trasladáronse a Estados Unidos, onde fundando o Black Mountain College, abriron as portas ó expresionismo abstracto norteamericano e ó estilo internacional en arquitectura. Compre subliñar ademais, que o espírito de lúdico racionalismo entorno da escola, é o que inspira todo o deseño industrial dende a época das vangardas. O xeito sinxelo de concibir obxectos cotiáns na escola, feitos con materiais sólidos, tivo influencia nas creacións da época do decorativismo déco; na primeira tecnoloxía dos Eames; no postmodern e mesmo na actual hipermodernidade. En tódalas devanditas tendencias aparecen como leitmotivs as variacións sobre a escola das escolas, a Bauhaus.
A exposición ten varios puntos de interese. Por unha banda pon en contacto a un amplo espectro do público actual, coas orixes do concepto contemporáneo de deseño. Nesta época nosa do século XXI, na que o máis remoto das fontes culturais atópanse en Lady Gaga (a quen por certo, adoramos), non parece que sobren unhas poucas referencias ós mestres da relación vixente entre arte e industria. Tamén, na exposición, un gran arquivo fotográfico deixa ver cómo vivían e cómo se divertían os membros de Bauhaus, outra exemplarizante forma de entender o mundo da creación, como traballo en comunidade entregado á poética das invencións baixo un leitmotiv, pero alleo á exclusividade esixente do ritmo do mercado ( de feito a cadeira Wassily de Breuer, foi éxito de vendas moito despois da clausura da escola).
Hai unhas tempadas, no 2005 o CaixaForum de Barcelona presentou unha interesante exposición titulada “La Bauhaus se divierte: 1929-1933”. Na mostra salientábase o espírito máis lúdico da escola, mostrando a creatividade que aplicaban tanto alumnos como estudantes na confección de traxes e decorados para as celebracións festivas. Tratábase da creación como arte de divertimento, unha faceta que tamén se recolle na exposición do Moma, e que ben pode servir de guía para os axentes da arte contemporánea de hoxe.
A idea da Bauhaus como referente da modernidade, aparece tamén plasmada na actual ordenación da colección permanente do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Nunha das salas están instalados os vestidos para o “Ballet Triádico” de Oskar Schlemmer. Uns traxes que pola súa heteroxeneidade e audacia resumen aspectos diversos do movemento Bauhaus, como o interese polo cinético, a simboloxía da cor en relación coas formas, e a obra de arte total, aquela que está integrada por teatro, música, texto e artes plásticas.
Esa integración de tódalas artes é o camiño polo que a Bauhaus avanzou cara o deseño integrador da arte e a industria. Entre os protagonistas da escola atopamos pintores como Paul Klee e Wassily Kandinsky. O primeiro gran alentador da creatividade nun universo decorativista e doce. O segundo autor das primeiras abstraccións no eido da pintura e tamén espiritual intérprete da relación entre as formas e a cor. Kandinsky creou un exercicio no que as tres formas primarias, o círculo, cadrado, triángulo, debían ser relacionadas cas cores básicas o azul, vermello e amarelo, de xeito que se avanzara nunha alquimia da poética e a funcionalidade das formas simples.
Tamén o pintor e escultor Oskar Schlemmer, foi docente na escola, levando o concepto de escultura móbil á escena teatral.
Canto os arquitectos involucrados no proxecto educativo compre a cita do fundador da escola, Walter Gropius, que foi un pioneiro na arquitectura moderna, polas súas estruturas metálicas, formas rectas e planos de vidro. E tamén a Ludwig Mies van der Rohe, quen co seu aforismo “menos é máis”, puxo a definición ó século dos deseñadores.
Talleres de modernidade
A exposición do Moma, incide na función integradora das artes que cumprimentou a escola Bauhaus. Daquela xuntáronse artistas, arquitectos e deseñadores, nunha formidable conversación sobre a natureza da arte nos tempos da tecnoloxía. Tentaban revisar a forma da vida moderna e converteron os seus estudos no enderezo para unha serie de experimentacións sorprendentes no eido das formas, da estética e da función, que haberían de marcar as nosas visións contemporáneas dun mundo “deseñado”.
Na exposición hai entorno a catrocentas obras que resumen o amplo espectro de creacións que se facían na escola. Inclúense deseño de mobiliario, deseño industrial, arquitectura, artes gráficas, deseño téxtil, cerámicas, deseños teatrais, pintura e escultura.
Unha peculiaridade desta mostra é que non están soamente os máis citados artistas da Bauhaus como Anni Albers, Marcel Breuer, Lyonel Feininger, Walter Gropius, Vassily Kandinsky, Paul Klee, Moholo-Nagy, Oskar Schlemmer, entre os máis senlleiros, se non tamén unha pléiade de traballos doutros innovadores pero menos coñecidos estudantes que inciden na evolución colectiva das ideas.
Nos seus catorce anos de existencia a escola tivo tres directores, e outras tantas sedes. A Bauhaus de Weimar, durou até o ano 1925, e foi o seu director Walter Gropius. Daquela procurábase a integración das formas tradicionais dos talleres coas artes e a industria.
Na segunda etapa a sede estaba en Dessau, até o ano 1932, e daquela era o director Hannes Meyer, con que a escola atopou unha integración con movemento DStijl, o plasticismo e o novo realismo, movementos que incidiron tanto nas formas arquitectónicas creadas nos talleres como nas propias obras de artes plásticas.
E fin o período final tivo sede en Berlín, e baixo a dirección de Ludwig Mies van der Rohe, estivo en funcionamento até o ano 1933, cando coa chegada do nacionalsocialismo, se propinou o golpe de peche á unha das maiores aventuras culturais da modernidade. Ben é certo que a semente continuou e segue presente entre nós, no cotiá ou con exposicións como esta de Nova York.
Román Padín Otero
I´ve published to-day, este artículo sobre la expo de la Bauhaus en el Moma, Faro de Vigo, Faro da Cultura...Román