jueves, 19 de marzo de 2009

YSL subasta secular I




Adxudicado! A puxa do século.
Contan que son tres as circunstancias da vida privada que maiores sinerxías causan no mercado da arte. Os pasamentos, as separacións e os trocos de fortuna, aparecen entre as causas que provocan maiores cambios na propiedade de coleccións de arte.
Cando unha desas adversidades acontece, facéndose necesaria a dispersión dos bens acumulados ó longo do tempo, xunto á vía da venda en galerías de arte dos obxectos preciosos, súmanse as posibilidades das grandes puxas e vendas en bloque de coleccións selectas.
As puxas e grandes vendas de obras de arte atraen o interese, non soamente, dos que participan activamente no mercado de obxectos de colección, se non que resultan fascinantes para todo o público. O ambiente das casas de puxas, o enigma das decisións de compra e a xenial capacidade dalgúns afeccionados para adiantarse ás tendencias, ten tanto de cuestión económica como de enigma das orixes do universo do luxo.
Esa mestura de luxo, calma e voluptuosidade na que parece descansar o mercado da arte, fai del unha teima case que novelesca de perenne actualidade.
De todos é coñecida a novela titulada “A dama das camelias”. O libro escrito por Alexandre Dumas fillo, non soamente conta os esplendores e miserias da cortesá Margarita Gautier, se non que tamén retrata varios episodios das costumes que fan xirar o mercado da arte. Comeza a narración coa puxa polos bens relictos da protagonista, xa finada. Todas as fermosas obras de artes aplicadas estilo Louis-Philippe que acumulara a dona, servirían para compensar as débedas que deixara ó morrer. Así entre os bens en venda, unha biografía doutra dona afastada polos bens materiais, a tamén operística Manon Lescaut do Abbé Prévost. Nesa novela dentro da novela, advírtese o mecanismo que fai xirar a engrenaxe das vendas de arte, a paixón polos obxectos valiosos, custosos e de lenda.
En datas recentes e no mundo real, outra grande venda, a da colección “Yves Saint Laurent-Pierre Bergé”, tivo lugar en París. Malia os tempos de recesión que atravesa a economía mundial, a puxa polos sublimes obxectos acumulados ó longo da súas vidas polo couturier e o seu compañeiro acadou maior éxito do que se predicía.
No apartamento da parisina rúe Babylone onde atesouraban a meirande parte da colección, había entre outras obras, cadros de Pablo Picasso e de Francisco de Goya. Creacións das artes aplicadas como tapices de Burne-Jones e xerros lacados de Jean Dunand. Esculturas de Constantin Brancusi e debuxos de Manet. Mobles únicos dos arquitectos Eileen Gray e Jean-Michel Frank . A notable calidade de tódalas pezas xunta á fama de gusto exquisito que lle ten sido atribuído ó xenio de Saint Laurent, fixo que o mercado do luxo reaccionara máis que favorablemente cara á puxa, e en plena época de bancarrotas batéronse records nas cotizacións de artistas universais, como por exemplo Matisse. O sistema da arte deu outra volta de torca afianzándose no seu motor dos movementos patrimoniais.
Outra colección de grande sona ten pasado nestes días das mans dun particular á engrosar os fondos da Caixa Galicia. Nesta volta non en puxa, se non unha compra venda en bloque. Trátase da colección Baensa, promovida polo empresario José Ignacio Basañez Eléxpuru. A grande importancia dos fondos acumulados por este coleccionista puido verse a tempada pasada cando una selección das súas pezas foron expostas no museo de Bellas Artes de Bilbao, baixo o nome “Colección arte XX”.
Agora, logo de ter pasado a compañía deste promotor inmobiliario polo vendaval da crise, a parte máis valiosa da súa colección ten sido entregada á caixa galega. O negocio non é irrelevante, e de novo amosa con el o sistema da arte, tódolos seus sortilexios pecuniarios. Entre as obras entregadas un singular Giorgio de Chirico; varias obras de Pablo Picasso e doutros cubistas das vangardas como Metzinger, Braque, Léger e Manuel Ángeles Ortíz. O avalío total das obras está entorno ós trinta millóns de euros, e constitúe esta venda, outro exemplo manifesto das artes como inversión, como ámbito seguro en épocas de troco. Os valores pecuniarios outorgan solidez a un sistema ancorado na ingrávida levedade da estética. Puxando co mazo sobre a beleza...malia as adversidades.
Román Padín Otero
































He publicado este artículo sobre la subasta de YSL y la colección Baensa, to-day en Faro de Vigo, Faro da Cultura...Luxe, calme, volupté et argent!!Román