sábado, 14 de marzo de 2009

moda xa!


Camiñar pola pasarela. Moda xa!
O noso calendario de individuos contemporáneos e informados está marcado dúas veces no ano polas propostas dos deseñadores de moda. As pasarelas de París, Nova York, Milán, Madrid, ofrecen cada seis meses as máis suxestivas propostas de cómo vestir.
Esta costume de presentar os modelos en desfiles foi inventada por Charles Frederick Worth no París da metade do século XIX. Dende entón moitas teñen sido as variantes empregadas polos creadores para mostrar ó público a súas novas colección cada temporada.
O xenial Poiret organizaba bailes orientais que eran como desfiles mesmos. A innovadora Chanel facía presentacións no seu salón forrado de espellos na rúa Cambón. Dior apiñaba ás clientas sentadas na escaleira da súa tenda atelier da avenida Montaigne. E en España o célebre Elio Berhanyer, facía desfilar nos derradeiros anos sesenta ás maniquís, ó ritmo de música e acompañadas de proxeccións de imaxes que contextualizaban o vestido presentado.
Co boom da moda nos anos oitenta en Galicia celebráronse varias galas de moita sona chamadas “luar” e “luada”, nelas os máis sólidos fabricantes do téxtil galego xuntáronse para mostrar en conxunto as súas propostas facendo célebre un made in Galicia. Daquela a moda presentada como un espectáculo, como un teatro servía de argumento para a publicidade dun sector en alza.
Esa idea dos desfiles como espectáculo tense mantido por moitos creadores ate os nosos días. Célebres e mediáticas son as presentacions que John Galliano fai para Dior, onde cada desfile ten un leitmotiv que guía o decorado, os modelos e o discurso da casa francesa esa temporada. Noutra liña de traballo, a escola de Amberes, apreciada polo seu vangardismo atopa nun dos seus deseñadores máis universal o emprego dunha pasarela singular. Dirk Bikkembergs, localiza a súa tecnolóxica forma de deseñar sobre materiais de nova xeración e zapatillas de deporte, no ámbito do fútbol. As súas prendas diríxense dun ou outro xeito a tódolos afeccionados ó deporte rei do mundo. Así contrata a estrelas do balón para posar semi espidos nos seus anuncios e mesmo chega a realizar desfiles espectáculo en campos de fútbol, como o que organizou no campo de fútbol San Siro de Milán no 2001.
Na actualidade a complexidade do mercado fai que os creadores e as empresas que os financian, anden á procura de localizacións orixinais para presentar as súas coleccións, de xeito que roupa e desfile funcionen como unha maquinaria coa que transmitir a personalidade da firma.
Chanel organiza desfiles multitudinarios no Grand Palais, onde reproduce por exemplo o fronte da mítica casa de costura. Azzaro ten presentado hai pouco a súa liña masculina nun teatro parisino tan intimista e exclusivo como a personalidade da roupa que propón a renacida firma francesa. E así poderíamos nomear decenas de sitios, escolas de Belas Artes, xardíns, vellos palacios deshabitados ou museos serven ó sistema da moda para facer máis espectacular o espectáculo nunhas pasarelas onde todo está previsto.
Hai opinións que afirman que a era dos desfiles, o mesmo que a situación do sistema da moda tal e como a percibimos, está a piques de rematar. Algunhas casas visionarias non fan desfile, es substitúen o espectáculo por presentacións personalizadas a clientes no seus showrooms. Outras propoñen a presentación exclusiva por vía dixital, facendo unha mostra on line das súas novas prendas. E mesmo hai empresas que sendo líderes de vendas, non fan desfile e optan por apoiar a marca por medio da localización da tenda e o escaparatismo, tal sería o caso de Zara.
Malia as opinións máis variadas, a Madrid Fashion week, vense de celebrar con grande sona mediática nos pasados días. Durante cinco xornadas máis de cincuenta desfiles presentan as novidades dos creadores en España para a próxima tempada. Dentro da pasarela a sección El Ego, está dedicada ós deseñadores emerxentes, e nela desfilou a galega Marta Montoto, quen presentou a súa liña furry. Esta licenciada da escola de moda Esdemga en Pontevedra leva á súa colección ó estilo “streetwear” máis novo. Propoñendo unha silueta que recorda a un traxe de oso de trapo con estampados de cores en xerseis, cazadoras e pantalóns. ¡Un desfile en pixama, fantástico!.
Creadores en vangarda
Entre as propostas que puidemos ver nos desfiles de Cibeles, destacou a liña de listo para levar de Miriam Ocáriz. A pasarela personalízase cada tempada pola deseñadora colocando o lazo emblema da marca en neon schocking pink. Eses lazos apareceron en algunhas saias e en non poucas camisas, a creadora propón para o día uns conxuntos de tecidos e texturas combinadas como se fosen prendas sacadas aleatoriamente do armario. É un vestirse con sobriedade nos tempos que corren. Para a noite Ocáriz, presentou os seus célebres vestidos de seda largos que recordan o estilo do film “Historias de Filadelfia”. Unha colección coherente e favorecedora.
A creadora Amaya Arzuaga, presentou a máis arquitectónica das coleccións. Facendo variacións sobre un look que consiste en pantalóns o leggins brillantes, coloca na parte superior casacas, abrigos, chaquetas e vestidos de volumes e formas arquitectónicas que levan ó corpo a outra dimensión. Parece como si se levase encima unha escultura de Richard Serra ou un edificio de Frank Gehry como o Guggeheim. Unha colección sincopada.
O galego José Castro, presentou a súa colección de cores azul eléctrico, vermello degradado e sobre todo negro, para unha muller de aires futuristas. As siluetas severas apoiadas na cintura que evolucionan cara os ombros marcados nunhas voltas, ou os volumes estilo anos oitenta noutros casos deixan ver unha dona que podería ser a protagonista do film “Blade runner”. Espectáculo e identidade dun creador sen necesidade de logo.
Entre as propostas de roupa para home, foron moi interesantes a capa española proposta por Elio Berhanyer, que fixo ademais unha colección sublime para dona. A silueta deconstruída de Karlotalaspalas en colores marróns foi tamén de grande interese. Ana Locking presentou modelos de home listos para seducir. E Jan Iu Mes, propuxo unha colección clásica con elementos clochard e futuristas, impecable. O premio da pasarela foi para Nicolás Vaudelet con El Caballo, roupa de muller moi chic. Moda e pasarelas.
Román Padín Otero

I´ve publicado este artículo sobre pasarelas orígenes y evolución, en el Faro de Vigo, Faro da Cultura, jueves 12 marzo...la mode!