jueves, 26 de marzo de 2009

les parents terribles
























Os pais terribles
Unha pléiade de manifestacións culturais actuais toman inspiración no universo da infancia. Expresións artísticas como o manga, os graffitis, os comics, ocupan arestora unha grande parcela no calendario expositivo. O xeito en que os adultos toman prestadas da infancia as súas estéticas doces e delicadas, pasa por converter ás ledas criaturas dos contos para nenos en sensuais ou perversos personaxes pertencentes ós soños idealizados dos maiores. Son os pais terribles que rouban os sortilexios ós nenos.
Dende Xapón chegou a todo o planeta a estética manga e ánime. Un dos máis importantes artistas dentro desa escola, Takashi Murakami é suxeito esta temporada no museo Guggenheim Bilbao dunha grande exposición.
Trátase dunha gran mostra na que varias salas do edificio de Gehry, aparecen cubertas de papeis pintados reproducindo ós personaxes do universo Murakami. Sobre eses muros colgan obras pictóricas do artista nas que combina a arte pop, co surrealismo e o ánime. A partir da técnica tradicional de pintura xaponesa chamada nihonga, na que se empregan pulidas superficies planas cubertas con motivos florais ou paisaxes realizados con numerosas pátinas e veladuras, inventou Murakami o que deu en chamar a pintura superflat.
Superflat é unha forma de facer arte bidimensional na que se mestura a alta coa baixa cultura e que se plasma non solo en pintura, se non tamén en inchables, esculturas, instalacións, edicións e obxectos de uso cotián.
O primeiro dos personaxes neste universo de debuxo animado e fantasías pop, chámase Mr.Dob. É o alter ego do artista que leva na cara múltiples ollos e un sorriso que pode ser pérfido ou doce. Tanto mostra os seus dentes afiados, en inchables e cadros, como pon cara de bo noutras instalacións.
Kaikai Kiki, son outros dous personaxes que encarnan ós gardiáns espirituais do artista e serven ademais para dar nome ó taller-equipo de Murakami.
Sen dúbida algunhas das pezas máis espectaculares e representativas desa traslación de personaxes do mundo dos debuxos animados ó da arte contemporánea son as esculturas policromadas en resinas.
Unha camareira de formas sinuosas e cara infantil chamada Miss Ko, aparece en varias pezas. Representada como mutante logo dun accidente de tráfico ou ataviada coa súa saia mini é unha fantasía tórrida de ciencia ficción. Xunta ela está o neno androide Inochi, un escuálido rapaz vestido cun traxe adecuado para viaxar en moto de auga.
Hai tamén esculturas de flores, gardiáns protectores con testa de cebola, figuriñas sorrindo, cadros abstractos e ídolos de prata. Todos eles son os persoeiros principais do gran teatro do mundo pop e manga que Murakami reinventa dende a iconografía infantil.
A estética deste creador chega tamén ás múltiples colaboracións que leva realizado ó longo da súa prolífica carreira. Ten colaborado co músico Kanye West nos seus vídeos e na súa páxina web, e asemade ten traballado con grande éxito coa casa francesa Louis Vuitton. Dende o ano 2002 Murakami deseña alegres complementos, bolsos e accesorios para a centenaria maison. A tradicional combinación de cores marrón e veige do estampado Monogram da casa tense enchido de cor, cereixas, cariñas sorrindo ou personaxes divertidos logo do traballo deste artista coa casa de moda. Deste xeito os “it bag” ou bolsos máis buscados da temporada adaptan a estética dos xoguetes de maquillaxe das nenas. Esta colaboración é un exemplo excelente do préstamo das formas infantís ó mundo dos maiores, e ademais é un expoñente da fusión entre alta e baixa cultura, non soamente polo ideario de Murakami, se non tamén polo produto resultante. Os bolsos de Vuitton, son una peza case que indeleble do deseño industrial que ó ser intervida por un artista devén nun obxecto singular de reprodución industrial.
Todo o conxunto combinado da exposición dedicada a Murakami, coa edición dos produtos do artista e os bolsos de Vuitton, produce un efecto de obra de arte total.
Estes novos “Parents terribles” inspirados polos nenos quedan lonxe daqueles outros creados por Jean Cocteau. Estes recrean soños, aqueles revivían complexos burgueses endémicos. O espírito dos tempos.
Nenos e sortilexios
Antes de que as rúas estiveran invadidas por graffiti so se coñecía como arte de xesto involuntario o chamado “art brut”. Ese movemento que ten antecedente na espontaneidade de Picasso, atopou en Jean Dubuffet a un dos seus máis senlleiros representantes. Esa liberdade na caligrafía e nas cores, característica dos artistas máis instintivos do século XX tomou un camiño que a vinculaba ós bens de consumo coa arte pop. Andy Warhol, cos seus debuxos de zapatiños e anxos, foi un destacado menciñeiro de cultura das rúas coa espontaneidade infantil.
Na década dos oitenta o punk, deixou estilos espontáneos e axitados como o de Stephen Sprouse. O universo de letras blancas ou bermellas con aires graffiteros do artista, emprégase arestora por Vuitton para crear bolsos de autor.
Dende Xapón, a relación co movemento pop trúfase cos fenómenos dos debuxos animados manga. Aparte das iconas de Murakami, son célebres as monecas enfadadas de Yoshitomo Nara, as naves espaciais de Mariko Mori, ou as flores ingrávidas de Chiho Ahoshima.
Na escena madrileña ten tido moito suceso recentemente a exposición de Aitor Saraiba na galería La Fresh. Este artista fai debuxos poema de pequenos personaxes con un estilo tan sinxelo que resulta conmovedor. Tamén os galegos Pablo Pérez Sanmartín e Vicente Blanco, afrontan cada un dende un perspectiva diferente a bondade da eterna adolescencia. O primeiro xoga cos discursos da cultura de consumo, e o segundo fai variacións sobre o cine ou a arquitectura.
Antonio Ballester Moreno, coa súa pintura de formas didácticas cita os debuxos animados centroeuropeos dos anos sesenta. O artista Carles Congost, ten traballado tamén arreo sobre a estética adolescente e o artista Martín Sastre, ten fascinación por entre outros personaxes a moneca Kitty. Os sortilexios da eterna adolescencia.
Román Padín Otero


He publicado el 26 de marzo en Faro de Vigo, Faro da Cultura este artículo sobre las influencias de la estética infantil en el arte contemporáneo. El título es una cita a la obra de tetro homónima de Jean Cocteau. En la obra los padres terribles tenían complejos burgueses, hoy los padres terribles roban los sortilegios a los niños. Román