O público galego ten este outono a fortuna de recibir a visita da artista Ute Lemper. Un concerto en Santiago de Compostela no que a cantante estará acompañada pola Real Filharmonía ha de ser daquela, o enderezo da cita.
A carreira de Ute Lemper abrangue non soamente o canto, se non que tamén é coñecida polos seus papeis no cinema e pola súa actividade como artista plástica. Ela ten construído un personaxe no que o autor é o talento mesmo da artista, e que se apoia na sólida relación da icónica aparencia da cantante cas vangardas musicais, coa historia e a política.
Ute Lemper acadou un status de estrela internacional logo de ter éxitos en todo o mundo ó terse convertido dalgún xeito na encarnación da voz da música da República de Weimar. A súa imaxe evoca a xélida fermosura das actrices dos anos trinta e para moitos representa o mito da dona esfinxe como Marlene Dietrich ou Greta Garbo. A súa voz e o seu xesto fan recordar aquel fermoso verso de Baudelaire no que a beleza é citada como un soño de pedra feito para inspirar ó poeta un amor eterno.
Nada en Alemania, tras obter formación en danza, arte dramático e piano, comezou a súa carreira interpretando a Fassbinder. Logo, dende os inicios ofrecéuselle a posibilidade de encarnar papeis de donas que transitaban pola Berlín Alexanderplatz envoltas en ambientes de Bertolt Brecht.
Ese perfil de exánime personaxe rescatado dun cadro de nova obxectividade da época de Otto Dix caracteriza o modo de interpretar e a imaxe que exhala Ute Lemper nos papeis que de seguido desenvolve entre eles o de Sally Bowles no musical “Cabaret” e Lola no “Anxo azul”. Dende eses anos oitenta rexistra cancións de Kurt Weill e cancións de cabaret berlinés.
Aínda que sempre volta ó repertorio xermano de entre loitas, é unha artista de grande personalidade que realiza asemade marabillosas colaboracións con outros xeniais artistas contemporáneos do seu tempo. Maurice Béjart creou para ela o ballet “La Morte Subite” e coa coreógrafa Pina Bausch participou no espectáculo “Kurt Weill Revue”.
Canto ós músicos dos nosos días, ten rexistrado entre outros con Michael Nyman, con Tom Waits, Elvis Costello ou Philip Glass.
Outras páxinas inesquecibles do seu repertorio achégannos á canción francesa con autores como Serge Gainsbourg ou Joseph Kosma, e recordos á grande Edith Piaf. Tamén compositores de forte estilo como Astor Piazzolla e músicos como Nick Cave, son do interese da cantante.
En fin a propia artista ten rexistrado cancións da súa autoría, e recentemente ten aparecido un álbum “Between Yesterday and Tomorrow”, coas súas cancións nas que fai un peculiar ciclo de historias sobre lugares, cidades, vidas e amor.
Cando se refire ó preciso equilibrio entre música e poesía no lied alemán, outórgaselle a cualificación de alquimia. Ute Lemper, a xenial intérprete e compositora xermana sedúcenos tamén coa alquimia do xénero da canción ó mesturar con perfección a súa gabardina de incógnito coas cancións de Kurt Weill na escena do teatro e a súa voz coa música acariciadora nos rexistros sonoros. Gocemos daquela coa visita dunha grande dama da canción e a escena, unha diva de nívea actitude e atemporal estilo.
Román Padín Otero
He publicado este artículo sobre Ute Lemper en Cavatina...la belle inmortale!