sábado, 21 de noviembre de 2009

Román, Beleza efímera, Faro de Vigo











A beleza atemporal
O fenómeno das súpermodelos nos anos oitenta e noventa converteu en auténticas protagonistas sociais á un grupo de guapísimas mozas na tardo adolescencia. As modelos que de vello eran figuras anónimas, soamente coñecidas polo público cando estaban vinculadas ó nome dun modisto ou dun artista, trocaron daquela en centro de atención. Da man fundamentalmente do deseñador Gianni Versace, crearon o estilo dunha época chea de sensuais fotografías realizadas cos mellores fotógrafos. Nesas imaxes iníciase unha mitoloxía contemporánea na que o produto chega a confundirse co personaxe.
Moitas das sesións do fotógrafo Richard Avedon coas súpermodelos son auténtica arqueoloxía do gusto, sistemas visuais creadores dunha revolución cultural, na que as modelos substitúen ás actrices como iconas a imitar polo gran público. Na colaboración de Avedon con Versace, dende o ano 1981, até o pasamento do fotógrafo no 2004, confórmase un auténtico álbum de entomólogo con fermosas bolboretas. A maioría deses coleópteros humanos foron capaces de vivir máis ca unha noite de verán, e desafiando o paso do tempo continúan a ser referente estético na actualidade. A beldade turbadora daquelas rapazas post adolescentes nos oitenta, tense convertido na década dos 10 do século XXI, en fermosura igualmente turbadora dunhas damas de máis de corenta anos, que representan elas mesmas o sistema da moda.
A ex muller de Mick Jagger, Jerry Hall, aparecía retratada por Avedon nunha melée de carne humana no inicio da década dos oitenta levando un traxe de maia metálica. Logo de ter sido fotografada por Thierry Mugler durante máis de dúas décadas, mantén o seu esplendor pasados os cincuenta anos. Na campaña de Chanel, do verán 2009 comparte alcoba nas fotografías con Baptiste Giabiconi, o novo modelo de Karl Lagerfeld, un mozo de 19 anos.
No inicio dos anos noventa, produciuse un acontecemento que marcou a cultura pop dende entón. Foi a incorporación das tops models ó universo da música pop. Artistas como Kris Isaac ou George Michael, colaboraron con fotógrafos como Bruce Weber ou o propio Thierry Mugler, para realizar vídeos musicais nos que aparecían as celebradas modelos. Auténticos himnos deses anos como a canción “Freedom” de George Michael ou “Wicked Game” de Kris Isaac, contaron na súa concepción visual con fotógrafos de moda e modelos. As modelos deses anos mesmo desbancaban ós propios ídolos do rock.
Linda Evangelista, que aparecía nese vídeos musicais, era fotografada por Richard Avedon, na década dos noventa como imaxe da casa Versace. Xunta ela Claudia Schiffer ou Naomi Campbell, tamén nos vídeos, copaban tódalas portadas das revistas e campañas de publicidade. Os retratos delas e tamén de Christy Turlington, Helena Christensen, Nadja Auermann conforman un resumo da moda da época. Daquela non solo se empregaba a cor para as reportaxes, eido no que o veterano Irving Penn seguía sendo un mestre, se non que tamén o branco e negro tomou importancia. Un fotógrafo de referencia na grisalla era Herb Ritts, quen realizou campañas coas devanditas modelos para Versace dende o ano 1991.
Case que un cuarto de século despois da invención do termo das súper modelos, esas mulleres extraordinarias seguen e encher o universo da moda, cunha especie de pacto co tempo. O tempo pasa, pero esas raíñas do estilo seguen no cénit ós corenta. ¿Será un troco de valores ó que estamos asistindo, fronte os anos de esgotadores arquetipos de beleza tardo adolescente?
Linda Evangelista, a fermosa chamada o camaleón, por ter trocado de corte e cor do pelo máis de 12 veces para seguir no máis alto, é agora imaxe de Prada ou Dsquared, campaña esta última, na que aparece coa tamén sempre eterna Naomi Campbell. Claudia Schiffer, non foi soamente o respaldo de Chanel no mundo, arestora é por exemplo imaxe da colección crucero de Dolce&Gabanna. Christy Turlington e Helena Christensen, seguen asemade no centro das olladas ó ter feito respectivamente sendas campañas para Loewe ou Hábitat.
Seguimos pois coa presenza de tódalas grandes modelos dende os anos oitenta desafiando o tempo. Dos modelos masculinos daquela, non queda case que rastro. A única que desbancou ás modelos durante uns anos foi a cantante Madonna, que fixo as campañas de Versace nos anos 1995-96, fotografada por Steven Meisel e Mario Testino respectivamente. A propia Madonna con máis de 50 anos está agora relacionada cun mozo brasileiro, Jesús Luz de 19 anos. ¿É no noso século XXI a beleza dos homes máis efémera?
Os amores desiguais, parellas perfectas
O interese pola eterna fermosura do sistema da moda, ten sido obxecto de sátiras e ironías por moitos creadores. Entre os modistos que desafiaron ó sistema das modelos mociñas, encóntranse Jean Paul Gaultier e Thierry Mugler, quen nos seus desfiles teñen contado con damas que tiñan máis de sesenta anos, como a ex modelo Carmen dell´Orefice ou a actriz Tippy Hedren. Elas e outras maduras, estaban por certo estupendas nos conxuntos dos deseñadores parisinos. Entre os artistas, o fotógrafo Erwin Olaf, a quen arestora se lle dedica unha monumental exposición no museo Da2 de Salamanca, ten feito series fotográficas con belezas alternativas entradas en anos, editadas baixo os títulos “Mature” (1999) ou “Fashion victims” (2000). O que parecen poñer en valor estas posturas é que a moda, pode ser asemade un foco de referencia para a heteroxeneidade. Hoxe máis que nunca acontece dese xeito, a moda é plural e recolle a pluralidade social, mesmo aparellamentos que hai pouco tempo resultaban sorprendentes.
Como mostra curiosa destes amores desiguais que están a acontecer no sistema da moda, sirve mencionar a derradeira campaña dos cinco novos perfumes dos modistos Dolce&Gabanna. Os arquetipos de fermosura feminina do filme publicitario están encarnados por Claudia, Naomi e Eva Herzigova, as tres esplendorosas musas que contan con máis de corenta anos e disputan os espazos publicitarios ás mociñas tardo adolescentes. Xunto ás tres donas hai tres cabaleiros, ou diríamos tres mozos, Tyson Ballou, Noah Mills, Fernando Fernandes, con idades na franxa dos vinte poucos. Este grupo de mulleres maiores estupendas e maduras acompañadas de mozos máis novos ca elas, parece ser o reflexo en clave de moda dunha troco de comportamento social. Haberá que preguntarse por qué. As afinidades electivas.
Román Padín Otero
He publicado en Faro de Vigo, Faro da Cultura, este artículo sobre las modelos y el tiempo...el placer y los días prustianos del siglo XXI...Román