Vestiario masculino
Entre revolucionarios e cubistas
A historia do traxe masculino dende a revolución francesa até a época das vangardas, está caracterizada pola preponderancia da cor negra e a ausencia de grandes cambios ou innovacións. Poucas variacións houbo, en esencia, no aspecto dos homes, ó longo dese século figurado, que serve de tránsito entre o vello réxime e as democracias constitucionais. Ese período de convulsións nos mapas e nas tecnoloxías, de conflicto social e loita de clases, de renuncias ó academicismo e aparición dos impresionismos, está habitado por un home de apariencia bicéfala. Os cabaleiros desas décadas, conforman un conxunto de estéticas antitéticas agrupables en dous grandes grupos. Os leituginos, continuadores en formas diversas, como os reaccionarios, os dandys ou os increíbles, do estilo recargado e colorista do vello rexime, cando o traxe era o poder.
E os discretos en negro, incorporadores ó vestiario da homoxeneidade burguesa, allea a todo capricho e impregnada do utilitarismo do traxe negro e gris, como uniforme da vida moderna, cando o traxe trocou en moda.
Mentres as mulleres da época referida, eran como pavos reais exuberantes, os homes eran neutrais funcionarios da vida moderna, somentes, salpicados de cor polos uniformes militares e a moda inglesa de tweeds e os estilos campestres, nas súas mais diversas posibilidades.
O punto de arranque, no camiño cara o sartorial de negro e gris absolutos, está no traxe de tres pezas característico do reinado dos Luíses en Francia. A casaca lunga por diante e por detrás, o chaleco e os pantalóns polas rodillas ou culottes, eran o xeito en que vestían os homes de finais do século XVIII, nos anos de solpor do absolutismo. Estes ternos, ricamente decorados, con botón preciosos, tecidos ornamentais e bordados valiosísimos, competían en custo e elaboración, cas saias en forma de campá e os peiteados en torre das donas. Eran as representacións dos cortesáns cheos de lazos e plumas, como leituginos.
A transformación do terno en roupa adecuada para montar de a cabalo, levou á casaca a ser substituída pola levita que se acompanaba de chaleco e culotte, e podía ser completada por rendigotes para protexer da choiva e o frío. Os tecidos dese terno máis moderno, tenderon a simplificarse, continuando a ser habituaís as sedas monocromas para a ceremonia, e outros tecidos máis sinxelos de algodón e liño para o cotiá. Sendo frecuentes as cores da familia dos azuis, bermellos e amarelos.
Como reacción ós pantalóns curtos, do antigo réxime, coincidindo coa revolución de 1789, incorporáronse do vestiario británico os pantalóns lungos. Eses sansculottes, marcarían a moda do porvir. Ademáis nos anos de tránsito até o período napoleónico, houbo homes con vestimentas reaccionarias, que non abandoaban a perruca, como Robespierre, en sinal de afastamento da moda social. E houbo tamén quen, inventou una moda extrema, con pelos como orellas de cans, pescozos inmensos nas camisas e nos abrigos e longos imposibles de abrigos, eran os “incroyables”, e as súas compañeiras as “merveilleuses”. Unha especie de reactivos do tipo do motín de Esquilache, e a teima do chambergo e o tricornio en Madrid, que obrigaba mesmo ós “marabillosos” a levar un bastón de Hércules, una especie de mazo de bastos, ¡co que defenderse das burlas da xente nas rúas!
Despois dos radicais revolucionarios, houbo de chegar a moda do tres pezas, con levita curta de estilo frac, con pantalón lungo e chaleco, uns conxuntos que concentraban a cor na chaqueta, e levaban sombreiro de copa. Fronte a estes moi axustados traxes, que mesmo obrigaban ós homes a levar faixa, e facían da silueta dos máis arriscaods dandis un portento con forma de rombo, a moda que sempre é pendulante, propuxo uns traxes máis soltos, de aires belle époque,con chaquetas pola cadeira e pantalóns floxos.
Enfin acaba esta epopeya do traxe, coa incorporación dos tweeds británicos, a franelas e as lans, ós traxes xastre, nun estilo sartorial que haberían de imperar ó longo do século XX. Neste espírito dos tempos, había conxuntos, coloristas con tartán e raias. E había sobre todo, traxes negros, co rigor propio do burgués que non quere chamar a atención sobre o que ten ou do que carece. Un burgués que emprega o anonimato da cidade, co seu traxe negro como un animal Kafkiano, para esperar as posibilidades que outorga unha urbe, chea de flaneurs ou paseantes que se benefician das evolucións industriosas, comerciais e financieiras. O traxe xastre sobre o que fixo variacións o século XX, desembocou no home en jeans e camiseta do século XXI. Antes dese aspecto sport, houbo mais de dous séculos de traxe xastre, co rigor dos detalles no corte e no tecido para o home dunha época de ideais amparados no novo réxime.
Cabaleiros no club
Hai moitos retratos de grupo que contextualizan a moda masculina na época do “tempo perdido proustiano”. Mais sen dúbida un cadro de referencia é o titulado “Le Cercle de la Rue Royale”, que fora pintado por James Tissot, nos tempos do Segundo Imperio francés, entorno do ano 1868. O estilo realista, de escola Ingres, e a calidade pictórica do cadro, invitan a mirar as peculiaridades dos doce persoeiros que aparecen no óleo. A escena recolle un momento de lecer dun grupo de burgueses e aristócratas, nun edificio da praza da Concordia en París. Todos eles teñen biografías que inspiraron a literatos como é o caso de Charles Haas, quen inspirou a Marcel Proust, o persoaxe de Swann. Ou o caso do príncipe de Polignac, quen protagonizou moitas historias mundanas no París da década dos sesenta, no século XIX. Aparte da notabilidade destes persoeiros, a importancia no contexto da moda masculina deste retrato de grupo, é por causa de que serve como resumo ou compendio do vestiario do home, deses 150 anos que van dende os revolucionarios ilustrados até as vangardas cubistas. Tódolos cabaleiros do retrato, están vestidos nas cores icónicas desas épocas. O negro dos traxes, imperante como significante de anonimato, compleméntase con camisas brancas e lazos de cores escuras. Ademáis as cores amárela apagada, beige e gris, empréganse para chaquetas, pantalóns e chaleques. Parece como se una coordinación prefigurada fose acordada polos retratados para a ocasión, mais a realidade histórica, é que esa homoxeneidade responde á moda burguesa da época, un estilo que arrancando da guillotina, chega até ben entrado o século XX. Canto ás prendas que levan, repítese o pantalón lungo, as chaquetas con dous largos, e eventualmente os garda pós ou gabáns amplos con que cubrirse da intemperie. Canto á toilette, tamén predice toda una época, con cabelos curtos peiteados con orde, bigotes e barbas ben coidadas. Cando un mira este cadro, asómbrase do estatismo e quizais conservadurismo que caracterizou sempre á moda dos homes. Unha realidade de cabaleiros en uniforme, que hoxe adopta o pantalón vaqueiro, zapatiñas de deporte, polo e cahqueta xastre como icona universal. O club tradicional da roupa de home, dende o rigor sartorial, até o informalismo sport.
Román Padín Otero