Realidade novelada
Os territorios vistos polas artes
A interpretación que os artistas fan de canto está ó seu redor, transforma trozos de realidade en ficcións idealizadas polos canons estéticos de cada autor ou movemento creativo. Logo de que un autor transite por unha cidade, por una illa ou un xardín, a diferencia entre a obxectividade e a subxectividade sobre as cualidades deses enderezos, esvaécese, até o punto de perdermos a noción do real ou do novelado. Escritores e pintores, facían de antigo visións revisitadas das realidades paisaxísticas. Hoxe, tamén cineastas, video creadores, modistos ou fotógrafos redirixen a cotidianeidade, creando una nova obxectividade da man do ficcionado.
Logo de ter leída a descripción que Susan Sontag, fai da cidade de Nápoles, no seu libro “O amante do volcán”, non é sinxelo camiñar pola cidade italiana, antigo reino hispano, sen rememorar as descripcións que a intelectual americana fai no seu libro. A estrutura da cidade coa localización dos pazos reais, as fortalezas como o Castelo do Ovo ou a escenográfica forma do teatro San Carlo, non poden se non ser evocadas a traverso da visión novelada da escritora logo da publicación do seu libro. Cando un imaxina o exceso barroco napolitano, con festas cheas de xantares e viños, ou cando pensamos nas excavacións arqueolóxicas en Pompeia ou Herculano, non podemos senon dubidar sobre a realidade dese pasado, e pensar que todo é invención literaria ad hoc.
Máis atrás no tempo, máis abaixo no mapa, máis perdido no mar, está outro monumento cultural. A illa de Sicilia, outrora tamén reino, e sen dúbida, aínda hoxe reducto creativo de lendas e fábulas dunhas épocas decadentes, da man do Gatopardo. A biografía do autor da novela, logo levada ó cine por Luchino Visconti, Giuseppe Tomasi di Lampedusa, e tan senlleira dun tempo perdido, como os acontecementos que describe na propia lectura. Un aristócrata, que empregaba os seus días en, saír de mañanciña do seu vetusto ou decadente pazo familiar, para ir comer doces e café, a unha pastelería de Palermo, levando na man unha bolsa de plástico chea de libros.
O día transcorría coa lectura, ensoñacións doutros ámbitos que resultaban máis alentadores que a propia realidade. A literatura como refuxio, foi en Lampedusa, o hábito perfecto para o seu Gatopardo. Unha máscara de heróe para un baile, onde era necesario que todo cambiara para que todo seguira igual.
Cando visitamos Sicilia, resulta difícil non ver nas ruinosas edificacións do estilo artístico “siciliano”, mezcla e crisol de culturas mediterráneas, o fantasma vestido de frack, do Gatopardo. Resulta difícil non escoitar ó lonxe coros libertarios dunha ópera de Verdi. Resulta imposible non arrecender o xabron das roupas de cama clareadas ó sol. Toda esa literatura e as imaxes viscontianas, crean unha natural ficción dun tempo perdido ou recobrado na memoria do viaxeiro.
Un xardín, pode ser tamén por mor dunha novela, un enderezo máis cercano ó mitolóxico que á realidade dos viaxes de turismo masivo do século XXI. Bomarzo, a novela de Manuel Mujica Lainez, transformou en parte do bestiario profano dos monstruos, cíclopes, nereidas, demos e reptís, ós habitantes pétreos da horta homónima localizada non lonxe de Roma. Bomarzo e os seus conflictos de herdanzas noveladas. Bomarzo e os seus pecaminosos complexos de malformacións corpóreas xeneracionais. Bomarzo e a creación de afluencia de lectores, voraces por coñecer a verdadeira cara dos seres de pedra e verdura, dunha horta tan antiga como a propia aristocracia europea. Esa visión do xardín, vai máis alá do gusto botánico para instalarse nas afinidades electivas do lector dilecto.
Ut pictura poesis
As visións que aparecen na literatura, ou na poesía, de circunstancias e paisaxes sublimadas pola mente creadora dos artistas, encontran tamén na pintura un enderezo perfecto para o seu desenvolvemento e perfeccionamento.
Unha exposición no Grand Palais de Paris, baixo o título “Natureza e ideal, a paisaxe en Roma entre 1600 e 1650”, abonda na visión moderna e sublimada que da pintura de paisaxes como escola, se fixo a partir do século XVII, polos pintores clasicistas que tentaban inventar unha natureza en estado aparentemente salvaxe, baixo as coordenadas da estética clasicista. Cadros de Claudio de Lorena, Rubens, Poussin ou Anibal Carracci, serven para admirar como as fantasias e caprichos sobre as perspectivas campestres, toman a partir desa época, una presencia única, para a creación e recreación, dunha visión da natureza maquillada polas escolas estéticas de cada época. Nas pinturas de paisaxes, mais que en ningún outro xénero, advírtese como a visión do ollo, non é obxectiva. Antes ben, as deformacións as que se someten as arbres, as montañas, os ríos ou as nubes, permiten afirmar que a subexctividade ficcionada impera nas artes, creando una especie de manierismo inevitable, dende as orixes da arte moderna. Así a realidade ficcionada, será a única que coñezamos.
Cinema, cidade e pintura
A meca do cinema, a cidade de Los Ángeles, é sede de varios grandes museos, entre os que destaca con singularidade o MOCA. Este museo de arte contemporánea, acolle na súa tempada de primavera 2011, una gran mostra monográfica dedicada ó pintor conceptual residente na cidade, William Leavitt. Unha figura máis ben de culto, a quen o museo americano dedica una impecable mostra que pon en valor a armonía e lóxica de ubicuidade temática da obra de Leavitt.
Nesta temática das paisaxes e os espazos, que non son o que parecen, se non que son o que os artistas conveñen en facernos creen que son; a cidade de Los Ángeles, xoga un papel axial. Pois a cidade en si non é mais que una sucesión feista de construcións de estilo industrial, en rúas carentes de encanto, con escasa vexetación e ausencia absoluta de ambiente de bulevar. A pesar desta ausencia absoluta de estilo, a cidade tense convertido, coas súas distancias esgotadoras, viaxes interminables en auto, sol pesado como o ferro e temperaturas tórridas, nunha teima constante de millardos de filmes, teleseries, novelas e publicidades.
A cualidade da pintura de Willim Leavitt, a que se lle dedica una monográfica arestora, é que a temática dos seus cadros, teñen sido dende sempre, os tópicos estéticos e plásticos de Los Ángeles. As plantas do deserto e os cactus, componen a flora da cidade e tamén dos cadros de Leavitt. As decoracións de estilo internacional con toques de glamur, compoñen o tópico decorado da cidade e tamén dos cadros de Leavitt. Os restaurantes con acceso en automóvil, os restaurantes con forma de platillo volante, os restaurantes con estilo mexicano, son tópicos da cidade tamén seleccionados por Leavitt para servir de teima ós seus cadros. Cando miramos a pintura de Leavitt, vemos una realidade ficcionada e estética do estilo de vida en Los Ángeles. Algo que non é toda a realidade, pero sí é una importante parte dela.
Román padín Otero