¡Smoking para todos!
O museo do Fashion Institute of Technology, en Nova York, dedica unha mostra ás influencias do vestiario masculino sobre as prendas do armario feminino.
A moda ten sexo de xeito específico a partir da era moderna. Con anterioridade, a meirande parte da poboación unicamente consideraba a vestimenta como unha preocupación necesaria para cubrirse do frío, e en xeral non tiñan mais que as roupas que levaban postas. Mentres, as clases sociais dirixentes nos ámbitos político, relixioso e bélico, empregaban o vestido como símbolo de poder. De xeito que os traxes eran representación formal de autoridade en ámbitos diversos, mais que representación da sexualidade de quen o levaba.
Sería ó longo das épocas de ascenso da burguesía, nos séculos XVIII e XIX, cando se avanzaría a través dun discurso antitético na confección do armario masculino e feminino. Canto máis se abondaba en fuxir do traxe de tres pezas con bordados sobre sedas para o home. Mais se buscaba aumentar as saias das donas con tecidos refulxentes e incrustacións de valiosas pedrerías. Canto más se incidía na cor negra, como rigoroso uniforme para subliñar o misterioso anonimato do burgués xentilhome. Máis se ampliaba a paleta de cores para o armario das mulleres, que lucían con exuberancia auténticas fortunas e complexas construcións volumétricas sobre os seus corpos aprisionados por faixas, ampliados por refaixos e envoltos como fardos en tules ou chales.
Un dos primeiros préstamos do armario masculino ó hábito da dona, sería o do kimono. Esta peza de tecido cortada con forma de “T”, traída de oriente entorno ó século XVII, foi asimilada no gusto occidental rapidamente pola fermosura dos tecidos que se empregaban para a súa confección. E logo de ser usada como roupa de casa polos homes, asimilouse ó hábito feminino de corte galante, e progresivamente transformouse en “Robe volante”, “Robe Watteau”, “Robe á la française” e deu pé as posteriores mutacións do traxe feminino con saias montadas sobre estruturas campaniformes, ó longo do XVIII.
No século XIX, Prospero Merimée, inspirouse no estilo español de Eugenia, a Condesa de Montijo, e da súa irmá Paca, Duquesa de Alba, para crear o personaxe literario de “Carmen”. O gusto por bailar, cantar e montar de a cabalo, marcou o temperamento da que habería de converterse en Emperatriz de Francia, casando con Napoleón III. Ó país veciño, levou unha moda con traxes de amazona, saias máis curtas para lucir os seus diminutos pés, e enormes escotes que mostraran os seus fermosos ombreiros. Para ela inventou o modisto Worth, a cor violeta. E foi ela quen popularizou o uso das crinolinas, unhas estruturas con forma de campá, tan grandes que obrigaron a Haussman, a inventar as amplas portas de estilo II Imperio. Fronte a elas, os homes vestían de negro, uniforme militar ou de xeito incipiente, con tecidos de cores da xastrería inglesa, incorporados con vehemencia polos dandis. En xeral o vestido masculino era útil e o feminino era ornamental.
Nos anos finais do imperio, a crinolina, de utilidade imposible, foi substituída pola saia princesa, de forma máis reducida e útil. Tamén, foise incorporando o estilo de xastrería con chaqueta, gabán, gardapó, chaleco, traxe de viaxe, dende o armario masculino ó armario feminino. Sendo os primeiros grandes almacéns, como “La belle jardinière”, os fornecedores de roupas de prêt à porter, con sexo, pero marcadas pola incorporación progresiva da utilidade das roupas de home ó armario da dona.
A liberdade no corpo que caracterizaba a roupa de home, foi trasladada á roupa de muller con Paul Poiret, que eliminou a faixa da silueta feminina e introduciu pantalóns en estilo árabe para a muller. Tomou o seu relevo, Chanel, quen vestiría á muller coa sinxeleza da roupa de faena dos mariñeiros da costa franco española, incorporando o estilo sport en tecidos como o punto de Rodier. Froito da relación da modista co Duque de Westminster, aparecen os tweeds e os sweaters, na roupa de muller. Unha modista contemporánea, da época de entre guerras, foi Elsa Schiaparelli, quen tamén avanzou notablemente, na incorporación do concepto de “traxe xastre”, no armario da muller, complementando sempre os seus deseños con elementos ornamentais de aire surrealista.
Sen dúbida quen tomou máis elementos do home para vestir á muller na segunda parte do século XX, foi Yves Saint Laurent. O traxe xastre, a americana de solapa xastre, a sahariana, o smoking para dona, foron invencións que levaron ó seu cénit a utilidade no vestir para as donas que haberían de xestionar un mondo en paridade cos homes. Reis e reinas da idade media que vestían iguais como semiótica do poder, e que na actualidade son homes e mulleres liberados na moda hipermoderna.
Elas ou eles
O primeiro que tentou de levar unha prenda feminina ó armario dos homes, foi Jean Paul Gaultier, quen propuxo saias para homes no ano 1985. A cultura da kilt, na sociedade escocesa, tentou de ser internacionalizada polo audaz creador parisino, quen acadou gran sona mediática, pero non tanta repercusión na rúa. En datas recentes foi Marc Jacobs, quen apareceu repetidamente nos medios, vestido con kilt, procurando certa influencia na moda de masas, até o extremo de que H&M, presentou a tempada pasada unha saia para home, que puxo en valor a capacidade de influencia deste creador americano afincado en París.
En xeral, o estilo apoiado no rigor do negro, do gris ou da raia diplomática con camisa branca para home, característico do burgués do século XX, comezou a trocar, coa presenza dos homes como pavos reais, defendida pola música pop no final dos anos sesenta. Cantantes como David Bowie, Elton John ou os Rolling Stones, incorporaron proporcións, cores e accesorios do armario feminino ós homes. Despois deles os punks coa antimoda e o culto ós corpos de ximnasio característico dos anos oitenta e noventa, fixo que o unisex dos jeans axustados, as camisetas transparentes e as cazadoras de coiro, vestira a xeracións. A androxinia do home de Hedi Slimane para Dior no século XXI, parece semellante ó hard core estilizado, das cazadoras e pantalóns de Balmain femme por Christophe Decarnin. O tratamento das cazadoras de esquiar como abrigos de festa por Thom Browne para Monclair muller, atopa semiótica semellante no emprego de tules polos rapazolos medio espidos dos desfiles de Mugler.
A moda, como a civilización resulta cíclica, e logo de empréstitos dun armario ó outro, tórnase a un unisex hipersexualizado onde os extremos se tocan, e o rei viste como a raiña. Mesmo as veces, todos parecemos raiñas, le plaisir e les jours, a decadencia e a civilización.
Román Padín Otero