O rexurdir dos modistos
O museo de Les arts décoratifs en París, dedica unha mostra á moda das décadas máis recentes. Os anos 1990&2000, son revisados na segunda entrega da chamada “Histoire idéal de la mode contemporaine”, un repaso a través dos fondos do museo, das novidades e dos creadores máis senlleiros dos tempos recentes.
Sendo a moda unha disciplina que cabalga entre as artes e a socioloxía, con esta exposición podemos coñecer ben o tránsito estético no vestiario recente, ademais de advertir trocos sociais nos modos e modismos da vida na cidade.
Varias son as peculiaridades na escena do vestido, ou do chamado “sistema da moda”, nas dúas derradeiras décadas. Pero a que aparece como salientable entre todas as características dos hábitos no armario do home e a muller hipermoderna, é a da volta ó mítico. A mitoloxía do consumo, unha nova forma de xenealoxía da cultura contemporánea, aparece como primixenia entre tódalas características da moda máis recente.
A orixe desta deontoloxía do gusto amparada polos persoeiros mitolóxicos, atópase na época inmediatamente posterior á segunda guerra mundial. Resulta coñecido que as artes trala gran contenda, tomaron novos rumbos, novos discursos até entón descoñecidos. Os creadores, abraiados polo terror producido polo drama bélico, indagaron en novos camiños como o expresionismo abstracto, a danza contemporánea de novos códigos, o cinema neorrealista e a arquitectura racionalista. No eido do vestido, logo de anos de carencias, buscouse por parte dos modistos, tornar ó exceso propio da elegancia, e con Christian Dior ó fronte, avanzouse cara o que se deu en chamar a “idade de ouro da alta costura”. As compradoras e compradores do mercado de luxo, estaban ansiosos por recuperar a ledicia daquel tempo perdido, daquela belle époque, daquela visionaria actitude das vangardas. Así que cando apareceron propostas de modas, nas que se abondaba no exceso de metros de tecido, na exaxeración da cintura coa volta da faixa, nos bordados marabillosos, tacóns de vertixe, xoias cheas de diamantes e peles suntuarias, esas tiveron grande sona e foron as que sinalaron o new look. Coa conseguinte creación do Olimpo ou o Walhalla dos grandes couturiers. Dior, Givenchy, Balenciaga, Chanel, Lanvin, foron entre outros os nomes que vestiron unha época de elegancia convertida en lenda. Dende Italia, as casas de obxectos de luxo como Gucci, Ferragamo, Prada, tomaron tamén parte como corifeo nun universo mítico do luxo. Un enderezo que grazas as estrelas do celuloide, ós aristócratas da jet set e certas testas coroadas vinculadas ós medios de comunicación máis que ós gobernos políticos, rapidamente se converteu en obxecto de desexo para toda a audiencia, pouco a pouco transformada en clientela de “deidades” baixo a forma de obxectos de edición con etiqueta.
Como queira que nada dura para sempre, esas casas de grande luxo, non viviron comodamente mais que unhas décadas, e foron agredidas polas culturas populares, na forma do prêt à porter, dos grandes almacéns exclusivos, das creacións de consumo masivo baixo a estética do deseño e polo sistema do luxo en divulgación. Así, ese reino exclusivo de casas de costura para cantantes de ópera, duquesas e actrices foi pouco a pouco fagocitado por outras mulleres máis cércanas á muller con formación que traballa, ás profesionais liberais e ó sistema das top models. No referido ós homes aconteceu algo semellante e á elegancia de adagio dos clientes dos xastres á medida foi progresivamente substituída polo estilo maestoso dos deportistas vestidos con roupa informal e o sistema de logos.
Coa caída da idade de ouro da alta costura, caeron tamén, circunstancialmente os seus nomes icónicos. E o que aconteceu nos anos noventa e dous mil, foi precisamente a volta á vida desas marcas de lenda, para satisfacer a un mercado ansioso de sinais de identidade.
A ausencia de vida espiritual propia das décadas recentes, co abandono das prácticas relixiosas e místicas por gran parte da poboación, foi substituída pola loubana do castrón Douro, na forma dun Olimpo de grandes marcas, resucitadas por xigantescos grupos financieivos, ávidos de concentrar o mercado da moda. Así PPR, LVMH, Gucci, comezaron a traer de novo á vida ás marcas de lenda, coa contratación de imaxinativos creadores artísticos, cos que resucitar un fantasma do luxo do pasado, un pasado que non se esvaece, igual que o mesmo persoeiro, no terceiro acto da ópera “Lucía de Lammermoor”. “Sorge il tremendo fantasma, e ne separa”, é nos anos noventa e dous mil, prodúcese a resurrección das marcas de lenda para seducir a un mercado ansioso de pezas literarias lixeiras, de arqueoloxías móbiles, filosofías de salón e prezos de tolemia.
Gucci resucitou da man de Tom Ford, vestindo a época con estribos de estilo ecuestre e siluetas pornográficas. Dior foi recuperado con John Galliano, coa conversión da muller en monecas inchables e por Hedi Slimane, convertendo ós homes en sombras falócratas. Chanel retomou os seus básicos baixo a man de Karl Lagerfeld. Lanvin tornou a poñer en moda a esencialidade do art déco, con Claude Montana primeiro e Alber Elbaz despois. E Balenciaga, retornou a ese discurso de roupa arquitectónica da man de Nicolás Ghesquière.
Os 1990&2000, son a presenza fantasmagórica en obxectos de edición das almas doentes dos vellos couturiers. Volta á vida ou ó mercado.
Pantasmas en Antroido
A segunda peculiaridade dos anos noventa e dous mil en moda, é o interese que demostran os recen chegados polo disfraz. Todo o que tivo éxito na moda destes anos, e non estaba relacionado cun ave fénix do pasado, tiña a característica do esperpento estético, do antroido ou do disfraz.
Alleas que foran ó mundo hipermoderno, as austeridades propias dos tempos de Coáresma, esvaecéronse con elas as vontades de comportamentos bacanais inherentes ó antroido. Así que igual que a mística tornouse paixón polas etiquetas de lenda, o gusto polo disfraz tornouse moda de vangarda. Canto máis absurdo máis doado, canto máis retórico máis comprensíbel, canto máis superfluo máis suceso.
Así as escolas de Amberes, e os creadores xaponeses, espolearon de xeito impecable, este gusto neovalleinclanesco da sociedade, debullando un esperpento no vestido, polo exceso ou pola ausencia, polo barroquismo ou polo minimalismo que causou sensación (como aquela mostra de arte británico “Sensation” nos anos noventa), creando numerosos adictos á moda de formas abxectas. Martin Margiela, Veronique Branquinho, Véronique Leroy, Dries Van Notten, Ann Demeulemeester, Comme des Garçons, Viktor&Rolf, Hussein Chalayan, son entre outros, algúns dos destacados creadores, destas décadas onde a aparencia, era a do soño dunha noite de verán, outono, inverno ou primavera.
Como en todo universo onde os deuses teñen alter egos esperpénticos, hai tamén beldades asexuadas ou seres de extremadas actitudes que responden ós nomes de heroes ou seres antropomorfos e animais. Dentro de esta categoría metafórica de creadores de beleza independentes, aparecen creadores singulares como Azzedine Alaïa, Christian Lacroix, Jean Paul Gaultier, Sybilla, Alexander Mcqueen ou Vivenne Westwood, quen con maiores ou menores éxitos comerciais, marcan o ton civilizado dunha época onde o vestiario é a primeira das formas de expresión do sistema de masas e consumo. E tamén o epítome da sofisticación semiótica.
A moda e as súas furiosas forzas no tránsito ó século XXI.
Román Padín Otero