O final da historia
A pintura de historia, ten sido un instrumento axial para coñecer eventos memorables e circunstancias épicas de épocas míticas ou históricas. Na actualidade está a ser revisada, e ten xustificada actualidade.
De vello entendemos o xénero da pintura de historia, como aquel no que se realizan cadros onde se narra, en forma dramatizada ou teatral, circunstancias de épocas pasadas. Así concibido, este tipo de pintura, alcanza o seu cénit no século XIX, cando os numerosos concursos anuais que celebran as Academias, premian as mellores interpretacións feitas polos artistas de eventos acaecidos nos clásicos gregos como A Ilíada ou A Odisea. A mitoloxía grega e romana, xunto a episodios da historia de Roma, ocupaban tamén outras obras. Así grandes lenzos como “Leónidas na batalla das Termópilas” (1814), ou “O rapto das Sabinas”(1799) ámbolos dous de Jacques-Louis David, serviron non soamente de soporte para a representación de excelsas obras de arte, se non tamén para constituír o noso soporte pictográfico de episodios principais da historia remota ou mítica da humanidade.
Ademais, ese artistas academicistas do século XIX, desenrolaban unha labor de construción do arquivo en imaxes dos grandes episodios acaecidos no seu tempo. Por exemplo o retrato de grupo titulado “A coroación de Napoleón” (1805), é un recordo para a historia do acontecemento da instauración do Imperio en Francia. Non soamente se advirte o conxunto protocolario da escena, tamén se recoñecen os retratos dos persoeiros presentes, a moda do período e a pompa inherente á cerimonia, como epítome dunha época de trocos no pais veciño.
Outra forma de entender a pintura de historia, é o que se pode relacionar co concepto do “fin da historia”, ou a posta en valor dos eventos cotiáns como medio para coñecer un tempo, afastándose das grandes efemérides. A pintura holandesa do século XVII, o período chamado da idade de ouro desa arte en Holanda, serve de contexto para advertir este modo de pintura de historia vinculado ó cotiá. O carácter intimista da pintura de interiores e o verismo das composicións con alimentos nos bodegóns da época, son os dous ámbitos onde mellor se advirte esta forma de narrar allea ó épico que incorpora o cotiá como arqueoloxía do gusto e xenealoxía da conduta social.
Nunha visita ó Boijmans Museum de Róterdam, pódense ver moitas obras mestras, entre as que se contan pezas de El Bosco, Brueghel o vello, Peter Paul Rubens. Creacións de artes aplicadas, mobiliarios, porcelanas e esculturas. E tamén mestres do século XX, como Salvador Dalí, René Magritte ou Wassily Kandinsky.
Ben que esas colección son extraordinarias, o que resulta especial para o visitante, son as salas dedicadas o século XVII holandés. As chamadas “Perspectivas”, son unhas salas dedicadas ós interiores do silencio, das egrexias holandesas e tamén edificios civís dedicados con pulcritude ás actividades mercantís da época, entre outras ás bolsas de cambio e ás lonxas.
Os cadros representando as igrexas case que brancas de culto calvinista, teñen unha decoración limpa e diáfana. O interiores son de tonalidades modestas, e están espidos, exentos os templos de calquera tipo de decoración ou imaxinería, pois é algo alleo ó culto. Un dos máis prominentes pintores da época é Pieter Saenredam, un artista que representou maxistralmente as igrexas de Holanda coa súa sinxeleza sen ornamento e severidade. Uns cadros que servían como retratos psicolóxicos dos edificios que viñan a representar o carácter dun pobo, dedicado ó comercio e a ampliar os seus territorios loitando co mar para aumentar a súa terra firme. Eses cadros, entre eles o interior da igrexa de San Lorenzo de Alkmaar, ou o interior da igrexa de San Juan en Utrecht, dos anos 1661 e 1650, respectivamente, representan con especificade un xeito de vida, unha forma de conduta en forma de estudio arquitectónico con figuras, que veñen representar, unha forma de cadros de historia, apoiándose en eventos cotiás, e non en circunstancias épicas.
Este autor, Pieter Saenredam, foi á súa vez, fillo dun coñecido gravador quen aprendera o oficio co famoso Hendrick Goltzius, un dos mais importantes gravadores da historia. E do oficio do pai, gardou un proceso para trasladar con técnica de impresión invertida, ó lenzo, os precisos debuxos cheos de medidas e proporcións dos interiores de igrexas, máis logrados pola medición que polo efectismo da perspectiva.
Outra visión da pintura de historia, atópase tamén no museo Boijmans de Róterdam, cando se observan os chamados banquetes monocromos ou retratos de refrixerios dos pintores Peter e Willem Claesz, tamén de mediados do século XVII. Neles a representación da frugalidade da comida, ven a indicar unha sinxeleza de espírito e un desexo de discreción. O ton medio amarelo dos cadros, aporta ese nome de monocromía que ten orixe no refinamento da perspectiva en relación coa luz.
Tanto os interiores do templos do silencio, como os bodegóns monocromos holandeses, son unha forma cotiá da pintura de historia.
A volta da pintura de historia
O tratamento revisado da pintura de historia en España, ten tomado un novo camiño, logo da exposición que o museo do Prado, en Madrid, lle dedicou á época académica do século XIX en España. A exposición chamada “O século XIX no Prado”, contaba cunha revitalización específica da pintura de historia como xénero. A mostra puxo en valor moitos importantes lenzos realistas, románticos e clasicistas que eran a forxa da iconografía da historia épica de España para xeracións de escolares. Os cadros que durante anos foron postergados polas vangardas, foron recuperados co gallo da ampliación da pinacoteca madrileña.
Entre outros cadros atopamos o retrato de “Dona Juana la loca” realizado por Francisco Pradilla, que retrataba á raíña en plena tolemia co corpo presente do seu finado esposo. “Os amantes de Teruel” de Antonio Muñoz Degrain, outra representación literario mitolóxica dunha icona da historia cultural. Tamén “O fusilamento de Torrijos” de Antonio Gisbert, un inmenso lenzo, no que aparecen con aires preimpresionistas, un grupo de homes en retrato psicológico, podendo recoñecer específicamente a cada un deles. Nos tres casos, a pintura de historia ten un aire tráxico e ampuloso. Parece que a representación psicolóxica deses persoeiros, a raíña, os amantes, os fusilados, é mostra dun carácter dramático e escenográfico, moi relacionado coa propia natureza basculante do século XIX en España, unha época chea de contradicións e cambios.
Arestora no Museo de arte Moderno (Kunsthal)de Róterdam, a mostra dedicada a Eduard Munch, mostra tamén unha visión costumista e cotiá da vida do artista de Noruega.
A pintura de historia cunha nova perspectiva, coñecer o pasado para entender o presente.
Román Padín Otero