jueves, 29 de octubre de 2009

Román, Deseño Rotterdam, FarodaCultura







The art of fashion. A arte da moda
Nos últimos anos estamos asistindo a unhas postas en escena espectaculares para facer as presentacións das coleccións dos modistos. A importancia sociolóxica e económica que ten acadado o universo da moda, fai que edificios históricos, xardíns botánicos únicos ou museos, abran as súas portas para albergar o gran teatro da moda. Hai pouco tempo o modisto Valentino ocupaba o romano altar da paz de Augusto, o “Ara Pacis”, cunha operística posta en escena para celebrar unha grande exposición retrospectiva do seu traballo de toda a vida. Tamén en recentes temporadas o xardín das laranxas ou a “Orangerie” de Versalles, serviu de escenario para celebrar cun desfile o sesenta aniversario da casa Dior. O museo Metropolitan de Nova York albergou entre outros, os traballos dos modistos Versace e Balenciaga. O Guggenheim albergou entre outros os modelos de Schiaparelli. E tamén en Galicia a Fundación Caixa Galicia expuña hai pouco tempo a moda de Yves Saint Laurent e o propio museo de Pontevedra ten albergado o desfile dos novos deseñadores saídos de Esdemga.
Agora tócalle o torno ó Museo Boijmans van Beuningen de Rotterdam onde se presenta, una impecable exposición na que se mostran singulares exemplos da metalinguaxe das artes aplicadas.
Os Países Baixos teñen unha sólida relación cas artes aplicadas que abrangue un amplo abanico que vai dende a louza de Delft, pasando polo movemento constructivista De Stijl, até a rutilante presenza internacional actual dos deseñadores estrela holandeses, os afamados Viktor&Rolf. En Holanda, coñecen ben as artes interdisciplinarias e de elo fan boa gala as exposicións que sobre a materia se organizan en museos de toda a xeografía holandesa, dende o Gemeentemuseum de A Halla, até o Van Gogh de Amsterdam.
Desta volta o museo Boijmans de Rotterdam, ten invitado a cinco creadores de moda, para realizar proxectos que se separen do concepto de moda lista para levar e se acerquen á idea da intervención tridimensional arredor do corpo. Os modistos son chamados a facer un diálogo entre os seus modelos e as posibilidades que encerran ese traxes para filosofar sobre diversos extremos sociolóxicos e estéticos. Hai intervencións específicas que divagan sobre os olores, outras sobre as extensións do corpo, outras sobre o efémero, sobre o máis alá ou sobre a semiótica poliédrica do obxectos de natureza surrealista aplicados á moda.
Os holandeses Viktor&Rolf, presentan o proxecto “Aroma”, unhas variacións sobre a creación dun perfume que trata dos olores envolventes no usuario dunha colonia e sobre os efectos que produce en terceiros. Sobre a posibilidade de transformar unha inocua colonia en algo inquietante ou mesmo molesto é sobre o que se apoia o traballo da parella de deseñadores nesta ocasión. Nun momento inicial da súa carreira, estes deseñadores, traballaban como artistas presentando as súas obras en galerías de arte. Un dos seus primeiros proxectos foi a creación dun perfume inexistente, agora parece que o bucle péchase e volven á invención da arte intanxible e invisible, a arte do olor.
A xoieira Naomi Filmer, crea unhas estruturas tridimensionais que van máis alá do adorno en metais preciosos e crea obxectos para colocar baixo a cara que interactúan co espectador e co usuario, traspasando a barreira entre a ortopedia e a xoia.
Hussein Chalayan filmou un monicreque baixo a auga e reflexiona sobre o concepto da “perfomance” en moda, sobre a idea de ver e ser visto como eixe do sistema da moda. Na mostra están presentes tamén, os seus traxes fibrosos que parecen arrastrados por un furacán.
Anna-Nichole Ziesche, emprega a idea da memoria involuntaria e os recordos de infancia para dialogar coa moda dende unha visión retrospectiva.
Walter van Beirendonck, fai gala do seu ollo contracorrente e crea un templo que serve como metáfora da visión do significado da vida.
Ademais do traballo destes cinco deseñadores, hai obras doutros vintecinco deseñadores e artistas.
O conxunto ofrece un calidoscopio da metalinguaxe da moda e a arte no século XXI. O campo más atractivo das artes na actualidade.
A moda nos escenarios
Non soamente se fan postas en escena preformativas para a moda nos museos, tamén e sobre todo, as casas de costura e prêt à porter localizan os seus desfiles en escenarios únicos reinventados para cada ocasión. A intención é se dúbida acadar a meirande efectividade comercial posible, mais a singular simbiose nas pasarelas, entre as roupas e os escenarios onde se presentan, converten algúns deses espectáculos de moda en auténticas creacións das artes escénicas.
O derradeiro desfile dos holandeses Viktor & Rolf durante a semana do listo para levar en París foi un deses eventos inesquecibles. Un globo terráqueo sacado dun gabinete de curiosidades barroco, servía como decorado na boca da pasarela. Xunto ó planeta, nun enorme pedestal estaba situada a cantante Roisin Murphy que levaba unha chaqueta-saia de tule que resumía o estilo da colección e disfrazaba ademais o embarazo da cantante. A música electrónica pregravada complementouse coa voz en directo da cantante a cuxo ritmo desfilaron os modelos creados polos dous modistos. Traxes xastre combinados con enormes camisas de tule de formas incribles. Smókings rematados en golas de tule con proporcións arquitectónicas. Traxes de cocktail coas costas con forma de queixo de bola e outros traxes de gala coas saias cheas de buratos igual que un queixo de gruyer. Foi un escenario que representaba o mundo e lle plantaba cara con fantasía á difícil situación actual tanto económica como ecolóxica.
A casa Chanel fixo outro gran espectáculo recreando no edificio do Grand Palais, unha granxa. Nada mais sorprendente que ver os epítomes do estilo de Mademoiselle Coco, a base de chaquetas de tweed adornadas con camelias, zapatos bicolor, cadeas douradas e bolsos acolchados, nun decorado campestre. Era unha recreación teatral da saudable vida no campo, un dos leitmotivs máis descoñecidos de Chanel. O colofón do espectáculo chegou ca aparición da cantante Lily Allen, quen interpretou un tema en directo. A combinación de rock coa escena campestre traía a colación o excelente film de Sofía Coppola “ María Antonieta”, no que se recreaba o Petit Trianon da malograda raíña posto ó día coa música rock da banda sonora do film. A moda, a música, o teatro e o cine da man do listo para levar.
Román Padín Otero
Veño de publicar hoxe no Faro da Cultura, Faro de Vigo, este texto sobre a expo fantástica "The art of fashion"....ah, la mode et les arts!!