jueves, 24 de septiembre de 2009

Román, Faro, Moda y cine





A moda do cinema
Un dos medios de comunicación de masas que serve de soporte para facer populares novas modas e tendencias é o cinema. A través da sétima arte chegan ó gran público as creacións xeniais de moitos deseñadores. E non son poucos os modistos que se inspiran no cinema para facer os seus vestidos. Cinema e moda forman na contemporaneidade un bucle de grande sona. Vexamos as orixes deste fenómeno e algúns exemplos singulares de grandes vestiarios baixo o sortilexio das cámaras.
De vello as iconas que facían populares as modas eran os pertencentes a círculos aristocráticos e ambientes cortesáns. Así acontecía ó longo de todo o vello réxime, con persoeiros famosos polas súas modas como a raína María Antonieta, o cortesán Casanova, o propio Luís XIV ou Madame du Barry.
Coa chegada das chamadas monarquías burguesas e constitucionais os ollos da moda xiran cara á ascendente burguesía, sendo non poucas as biografías do século XIX que narran as miserias e esplendores do estilo dos propietarios de novas riquezas. Dende Zola ate Lampedusa falan sobre o estilo ou a carencia do mesmo por parte dos novos círculos sociais preeminentes.
Así nos estertores do vello réxime e no século XIX, os referentes de moda estaban apoiados en persoas acomodadas por sangue ou posición.
A chegada do cinema no século XX, veu acompañada da aparición dun novo referente de belezas e moda. Os astros do celuloide deixaron de ser simples seguidores dos estilos creados polas clases altas sociais, e convertéronse eles mesmos en referentes estéticos. Swanson, Garbo, Valentino, Novarro, convertéronse de seu en creadores de tendencias. Non soamente coas prendas que levaban nas rúas, se non tamén co estilo estudado que plasmaban nos seus films.
Progresivamente foron aparecendo estrelas do cine que transcendían tamén como iconas da moda. Non se pode esquecer o estilo da época dourada dos films, que era o estilo dos seus protagonistas como Lauren Bacall, Rita Hayworth, Katherine Hepburn, Clark Gable ou Gary Cooper.
Nas décadas anteriores á segunda guerra, as relacións dos modistos célebres polas súas firmas cos estudos cinematográficos, non foron moi frutíferas. Chanel colaborou de xeito curto vestindo a estrelas. A Schiaparelli aconteceulle algo semellante, e Marcel Rochas tampouco cubriu por moito tempo ás estrelas coas súas puntillas e paxaros.
Haberían de chegar as décadas finais do século XX para que se producira unha auténtica alquimia entre creadores de moda populares polas súas firmas e astros do cinema. Dende os anos sesenta empezaron a facerse identificables as firmas que levaban as estrelas nos films. O caso máis senlleiro é o da actriz Audry Hepburn que tivo unha estreita colaboración co modisto Hubert de Givenchy, quen realizou traxes inesquecibles para a actriz. Modelos de “Almorzo con diamantes” ou “Charada”, marcaron a época e están arestora sendo revisitados en numerosas exposicións e alcanzando prezos incribles en puxas por todo o mundo.
Deses anos son tamén os modelos para tódalas ocasións de James Bond, un estilo que segue a inspirar a xeracións de tódalas épocas.
A moda italiana tivo presenza notable en filmes excelentes da década dos setenta. E por exemplo na cinta “Confidencias” de Visconti aparece Silvana Mangano con vestidos de Fendi. E daquela tamén a actriz Marisa Berenson facía reportaxes para todo o mundo coa moda do modisto Valentino.
Por certo que as tres actrices pasaron tamén os anais da elegancia con vestiarios de época. A lixeira Hepburn, co vestiario de “My fair lady” creado por Cecil Beaton. A belísima Mangano, co vestiario de “Morte en Venecia” de Piero Tosi e Berenson co vestiario de “Barry Lyndon” de Canonero-Söderlund.
Como arquetipo de elegante masculino da época poderíamos nomear ó loiro Helmut Berger, un icono deses anos de vida nas montañas europeas e as costas americanas.
Nos anos oitenta houbo asemade brillantes colaboracións de modistos no cine. O sublime Yves Saint Laurent, fixo o vestiario para Isabelle Adjani en “Subway”, unha cinta na que se resumía todo o estilo atemporal do creador.
Daquela tamén Armani acadou popularidade vestindo a Richard Gere en “American Gigolo”.
Como vestiario de época destacan as capas formidables de Karl Lagerfeld para “O festín de Babette”.
Casi nos anos noventa está o vestiario de Jean Paul Gaultier para “O cociñeiro, o ladrón, a súa dona e o amante” de Peter Greenaway. Todas elas son cintas e vestiarios que se revisitan na actualidade en exposicións temporais por todo o mundo. Dende Rotterdam ate New York, dende Hollywood ate Cinecitá.
Modistos inspirados no celuloide
De certo que a relación entre moda e cine non acontece soamente para permitir que os deseñadores creen para a gran pantalla. Ás veces os modistos tamén se inspiran nos films para facer as súas coleccións.
A muller robot de “Metropoli” de Fritz Lang, inspirou varios modelos metálicos de Thierry Mugler, que están arestora a ser moi popularizados pola cantante Beyoncé.
As películas de Fassbinder como “Querelle” inspiraron as primeiras coleccións de cabaleiro do creador Claude Montana.
A silueta e o estilo de Marlene Dietrich, inspirou moitas das variacións de Yves Saint Laurent na volta en que facía smokings para donas. E tamén a figura de Catherine Deneuve como gran dama do cinema francés sirveu a Saint Laurent para crear importantes traxes e noite e sofisticados conxuntos de día, ideados para vestir a unha “primeira actriz” polas avenidas máis elegantes das cidades.
Tamén o cinema de Visconti, en concreto “Morte en Venecia” serve de inspiración a Karl Lagerfeld en Chanel, ó deseñar a derradeira colección cruise da casa francesa presenta este verán 2009. O desfile fíxose no Lido de Venecia e recordaba toda a estética decadente e lánguida do famoso film protagonizado por Dirk Bogarde.
Tamén o creador español David Delfín tomou inspiración no film “ O home invisible” para crear o leitmotiv dunha das súas coleccións recentes. Nela as caras dos modelos aparecían envoltas cun vendaxe hospitalario como si dun postoperatorio se tratara.
En fin o galego José Castro, toma tamén inspiración en “Blade runner” para os seus modelos máis aerodinámicos, nos que a silueta axustada na cintura e con ombros anchos define a unha dona hiperfeminina.
A moda e o cine teñen pasado de ser unhas irmas menores das artes a converterse de seu nas máis relevantes formas de comunicación da creación interdisiciplinar que é a que marca o espírito dos tempos. O aire do tempo entre filmes e modas.
Román Padín Otero

He publicado este artículo sobre moda y cine en el Faro de vigo, Faro da Cultura...Román