viernes, 8 de mayo de 2009

Román, FARO paisaxes e naturezas mortas




Unha rosa cortada. A paisaxe e a natureza morta
Varias son as exposicións que na presente tempada nos invitan a recordar dúas das máis populares temáticas da arte. A paisaxe e a natureza morta, ocupan arestora diversas salas de arte, algunhas das devanditas exposicións pasean pola historia para mellor coñecer as orixes das tendencias estéticas, e outras das propostas expositivas abren unha fiestra cara ás novas visións da natureza viva ou morta. O que de certo acontece con tódalas mostras ás que se refiren estas liñas, é que os artistas citados abren camiños ignotos ó espectador. Os artistas retratistas da rosa no xardín ou da rosa no xerro, mostran visións únicas da paisaxe.
Este percorrido polas composicións da grande natureza, ábrese ó son da música de Domenico Scarlatti, nunha exposición que dedica a Academia de Bellas Artes de San Fernando ós artistas do século XVIII en Venecia. Baixo o título “Il settecento veneziano”, a mostra reúne cadros entre outros de Antonio Canaletto e Francesco Guardi. Estes grandes referentes do paisaxismo barroco tiñan entre outras, a peculiaridade de retratar con actitude naturalista variadas escenas das metrópoles da época, como Roma, Londres ou Venecia. O certo é que era un finxido verdadeiro, pois a meirande das veces, as paisaxes representadas estaban alteradas na orden dos edificios, nas perspectivas ou nas especies arbóreas e florais que nelas se representaban. Canaletto, ademais incluía escenas galantes no centro das súas composicións. Dando en realizar realmente retratos das costumes sociais, estudos da moda da época e dos hábitos dos elegantes habitantes das grandes capitais da época. A representación era pois dobre, e no mesmo lenzo o que aparentaba ser simplemente unha paisaxe era asemade un retrato de grupo en exteriores.
Non se trata dun capricho barroco esta duplicidade de xéneros, pois un dos precursores da pintura de paisaxe, o clasicista Nicolás Poussin, facía asemade a duplicidade representativa de grandes paisaxes con diminutas figuras, de cuxas accións derivaba por certo, o título descritivo do cadro. Tamén o clasicista Claude Le Lorrain, pintaba grandes paisaxes nos que a luz do solpor e as arquitecturas fantásticas tiñan presenza predominante, pero que escondían sempre as accións dun pequeno grupo de personaxes. Así por exemplo, un grande cadro cunha mariña e unha colección de oníricas arquitecturas que conta con persoeiros diminutos na primeira sección do lenzo, non era titulado paisaxe no solpor, se non o “Embarco da raíña de Saba”. Mesmo o pintor Joachim Patinir, recentemente descuberto para o gran público grazas a unha monumental exposición do Museo de El Prado, empregaba a dualidade narrativo paisaxística nas súas visionarias obras.
No xénero das naturezas mortas, unha mostra con fondos de El Prado, poderá verse en Galicia proximamente da man de Caixa Galicia. Os bodegóns do museo matritense están seleccionados nesta exposición para ter unha visión en panóptico da arte da natureza morta en España dende o século XVII ó XIX. Entre outros poderán verse cadros de Zurbarán, Luís Paret e Francisco de Goya. A fermosura de todas estas obras gravita baixo un leitmotiv que é o da orde e simboloxía case que monástica dos cadros. De todos é coñecida a ordenada horizontalidade das naturezas mortas de Zurbarán, a exuberancia optimista de Paret e a carnalidade rotunda das pezas venatorias retratadas por Goya.
Estes referentes do pasado son en ocasións inspiración para os artistas contemporáneos. En Galicia arestora poden verse as paisaxes dun grupo de artistas na compostelá galería Espacio48, entre os que atopamos a Roberto González Fernández, quen pinta unhas paisaxes na distancia con bodegóns ou naturezas mortas no primeiro plano. Outras paisaxes asinadas polo artista que forman parte da mostra, teñen un discurso de retrato sociolóxico de personaxe en espera de autor, pois neles aparecen retratos de individuos fronte a paisaxes horizontais en perspectiva. Na mostra hai asemade faros de Xurxo Martiño, paisaxes corporais de Álvaro de la Vega e Iván Prieto. E non por último menos notable, os ceos brumosos de Jesús María Cormán. Unha mostra de xénero paisaxístico con realismo na factura e evocación da natureza viva ou morta no discurso.
Paisaxes conceptuais
Un dos artistas de bodegóns e paisaxes cuxa obra pode verse en Galiza esta tempada é Lino Lago, quen expón es seus cadros e debuxos na Compostela galería C5colección. Este pintor realista e figurativo bebe da iconografía do gran Ingres. Reproduce con vocación de natureza morta a cara cerúlea da “Princesa de Broglie” ou as costas sensuais da “gran odalisca” e as intervén escribindo sobre elas frases que filosofan sobre a multiplicidade na arte contemporánea. Noutras ocasións son os bodegóns de Francisco de Zurbarán os que lle serven para facer graffiti sobre os xerros pulidos e ordenados.
Pinta tamén paisaxes postmodernas compostas por monecos de plástico de estética manga, e a cultura teenager sérvelle de escusa para outros cadros que son retratos de paisaxes con figuras. Nestas obras, mozos vestidos con camisetas aparecen violentamente axitados por explosións que toman a forma de manchas de cor.
Este artista de estilo ecléctico retrata naturezas mesturando a figuración coa arte conceptual.
O estilo conceptual serve a Santiago Sierra, na exposición monográfica que lle dedica o museo MARCO de Vigo, para facer unha monumental intervención “paisaxística” en tódalas salas do primeiro andar do museo. Agás o característico contido provocador do traballo deste creador, ten creado desta volta un suxerinte paisaxe industrial no seo da caixa branca do museo. Media centena de pezas de cemento de gran tonelaxe destinadas de habitual a servir de fábrica para facer espigóns mariños, aparecen nesta obra de arte, dispersados polo museo creando unha onírica ambientación dislocada e con aires de arte en execución. A obra crea unha escenografía da ruína na que reflexionar sobre certas cuestións sociais contemporáneas, como o desemprego ou as xornadas laborais. É, de certo, unha nova forma de paisaxismo que queda lonxe do gran Canaletto no que se refire á forma. Mais queda, por que non, cerca do mestre barroco, pola finxida realidade que gravita baixo ámbalas dúas propostas creativas. A paisaxe, esa indómita realidade máis grande que o home e máis apaixonante que a arte mesma.
Román Padín Otero
He publicado este artículo sobre paisajes y naturalezas muertas en el Faro da Cultura. Román