jueves, 30 de junio de 2011

Balenciaga no museo


Grandes Xenios. O talento entre nós.

A inauguración do museo Balenciaga en España, outorga oficialidade, pompa e circunstancia, á admiración que o mundo da cultura sinte polo universo creativo do couturier español máis absoluto. Balenciaga era considerado polos seus colegas de profesión, como o mestre de todos eles. E o seu nome é recoñecido polo público xeral, dende fai décadas, como sinónimo de modernidade e elegancia.

Unha institución museística dedicada á obra e á vida do excelso persoeiro, inocorpora memoria e contexto histórico, á escea pública e mediática actual, que tan carente está de referentes de calidade, sobre todo na axitada pel de touro.

Hoxe máis que nunca, a realización dunha homenaxe ou ofrenda a un español universal, serve para reflexionar sobre o tratamento que outorgamos ós nosos conveciños máis extosos, ó recoñecemento que da súa excelencia se lle fai por parte da audiencia española e galega e sobre todo a como se crea un imaxinario de talentos de alta calidade que sexan tan recoñecidos intra muros como alén os mares.

Tal e como lee a máxima orsiana, que afirma “o que non é tradición é plaxio”, podemos considerar que os nosos máis valorados xenios, encontran no concepto do tradicional, un eido de recoñecemento e avalúo. Máis non resulta sinxelo, nin doado por parte dos galegos ou dos españois en xeral, outorgar respeto e recoñecemento ós seus conveciños máis populares e exitosos. Ordinariamente, parece que é necesario un aplauso masivo alén as fronteiras antes de alcanzar o aplauso entre os seus. Moitos persoeiros históricos das artes, as letras ou as ciencias, como o pintor Pablo Picasso, o dramaturgo Fernando Arrabal ou o astronauta Pedro Duque, tiveron que pasar primeiro polo filtro francés ou cosmopolita en xeral, para alcanzar logo un recoñecemento na súa terra. E non pensemos mesmo, nun recoñecemento en abstracto, se non nun recoñecemento con feitos concretos, como a apertura dunha sala votiva nun museo, do outorgamento dun premio nacional ou do aplauso continuo en medios de comunicación, todo iso levou no caso conreto dos tres persoeiros referidos, unha ardua e longa peregrinaxe polos camiños extranxeiros, antes de alcanzar ese mérito entre nós.

No casode Balenciaga, non é doutro xeito, e logo de decenas de anos de aplauso xeral, e admiración universal do modisto en tódolos continentes, chega agora, por fin, a apertura dun museo dedicado ó mais grande couturier do século XX. Non é tarde nunca se a fortuna é grande, e tal e a situación que temos que celebrar. Un recoñecemento a automemoria e avalúo do talento xenial nacional.

A austeridade, a admiración pola historia da arte, a xeometría e sensiblidade, son algunhas das características que rixen as décadas de coleccións de moda creadas por Balenciaga. Estas virtudes, que se poderían aplicar asemade a outras creación alleas ás artes aplicadas, aparecen do mesmo xeito no universo doutro grande couturier do século XX, Yves Saint Laurent.

Ámbolos dous, foron expertos para entretecer os seus vestidos coa calidade do estilo e evitar que a efímera moda, os convertera en flor de un día. Por todo isto, ó ver os vestidos de Yves Saint Laurent na fundación parisina que leva o seu nome, e ó mirar os de Balenciaga no museo de Getaria que homenaxea ó xenio vasco, atopamos auténticas pezas atemporais. Obxectos beneficiados da fermorusa da edición ou coa univocidade da manufactura, que están habitados pola alma do creador e non son simples panos sen vida escarranchados sen xeito sobre maniquís difuntos. Os vestidos dos mestres do século XX, Saint Laurent e Balenciaga, son fermosas invencións tridimensionais que trascenden a fugacidade do uso como moda nas rúas e se converten en obxectos de investigación técnica e estruturas admirables de proporcións singulares. Son invencións museables máis aló do interese sociolóxico da moda como cuestión de espírito dos tempos e se ubican na atemporalidade do gran arte.

Balenciaga é un primus interpares que ten de formar parte do gran equipaxe da cultura española máis universal, xunto a Velázquez, Goya, Cervantes, Valle-Inclán ou Rosalía de Castro. Balenciaga é un dez, ou dito en termos do seu primeiro primeiro perfume chamado “Le dix”, Balenciaga é un dix que merita admiración , recoñecemento e avalúo institucional. Que os nosos xenios sexan grandes oficialmente, fai de nós una sociedade máis grande.

O Walhala dosdez talentos

En datas recentes, con motivo da exposición retrospectiva dedicada a Andy Warhol no Grand Palais de París, foille pedido en préstamos a Pierre Bergé, o célebre retrato que o artista pop tiña realizado de Saint Laurent. Cando o retrato foi exposto na sala dedicada ós modistos e non na sala dedicada ós grandes xenios, ou sexa xunto a Carolina Herrera ou Diane von Furstenberg e non xunto a Einstein ou Duchamp, pideuse a reubicación do cadro ou a súa “retirada”, pois Bergé entendía que “non eran talentos iguais”, os dos modistos referidos ó de Saint Laurent. O mesmo se pode aseverar de Balnciaga, o seu talento é de dez ou dix, e merita formar parte de institucións museísticas para goce e disfrute desas pezas como auténticas investigacións da ética e a estética.

Cando hai dúas tempadas se celebrou no museo de Belas Artes de Bilbao, una exposición retrospectiva do modisto, cunha selección de pezas dos fondos do museo de Getaria, se daba acceso ás salas da cultura con maiúsculas, a un creador único e absoluto. Os seus traxes con polisón na década dos cuarenta, evocan a grande pintura española do século XIX. Os seus abrigos, con forma de trapecio nos anos cincuenta, recordan os hábitos relixiosos nos cadros barrocos de Zurbarán. Os brocados negros sobre fondo bermello citan ó grande Velázquez. E mesmo os traxes con forma de xerro dos anos sesenta parecen citan as grandes cerámicas romanas ou gregas que non teñen data e forman parte do imaxinario universal da arte axial.

Así o diálogo de Balenciaga coas grandes obras da arte de tódolos tempos, sitúan os vestidos do couturier, nun estadío de igualdade e compre que sexa avaluado como un paso a dous, onde ambas partes elevan a fermosura da outra de xeito idéntico. Hoxe máis que nunca con talentos como o de Balenciaga, pódese afirmar que os museos, abren as portas á moda, con contido creacional absoluto, sen necesidade de recurir á socioloxía para xustificar a súa presencia nas salas dos museos. A moda elevada a categoría de estilo compre ser admirada tanto como os estilos da arte prefigurados en artistas concretos. O barroco de Velázquez, a moda de Balenciaga. O impresionismo do dezanove, a moda de Balenciaga. A universalidade da cultura de Roma, a moda asemade universalde Balenciaga. Memoria e talento, nun Parnaso ou Walhala de talentos inspiradores.

Román Padín Otero