Deseño inadaptado. Misfit
Dende hai tres décadas o termo deseño acompaña as nosas vidas no cotiá. Antes dos anos oitenta a palabra non tiña un uso habitual, e soamente se facía referencia a ela, para cuestións concretas referidas a obxectos industriais e mobiliario, normalmente de estilo internacional. Despois, pouco a pouco, todo se foi convertendo en deseño, e mesmo podemos dicir que hoxe en día o aburrimento do ocio, ten tomado en préstamo o concepto para cuestións pouco morais, como as drogas de deseño.
Maioritariamente o concepto deseño, ten unhas connotacións positivas, e ofrece na actualidade diversas vías, nas que funciona como chave para o visionario, o futuro, o tecnolóxico e mesmo aquilo que é poético.
No eido da moda, o deseño presenta faccións de natureza realmente investigadora. Hai dúas tempadas, o museo Boijmans de Róterdam, presentaba a exposición titulada “The art of fashion”, na que deseñadores como Walter Van Beirendonck, Viktor&Rolf ou Hussein Chalayan, entre outros, expuñan no museo holandés as súas imaxinativas amizades perigosas entre xéneros. Creando un deseño de vestiario que cabalga entre a singularidade dunha obra de arte e os acabados industriais que semellan reproducir o paso do tempo. Uns deseños inadaptados dende o punto de vista utilitarista, pero hiper adaptados dende a mirada da creatividade de obxectos-poema.
Arestora, tamén no museo Boijmans de Róterdam estase a presentar outra revisión do concepto de deseño inadaptado, esta volta dende a perspectiva da creación de obxectos de uso cotiá. Obxectos para cada día, cheos, iso si, de carga poética, reinterpretacións de materiais tradicionais e combinacións nunca vistas antes de texturas, acabados, utilidades e funcións.
A deseñadora industrial Hella Jongerius, presenta o seu universo creativo nunha gran exposición retrospectiva no mencionado, Boijmans Museum de Róterdam. Baixo o título “Misfit” ou “Inadaptado”, ofrécese ó visitante unha visión en panóptico polos obxectos cotiáns que ten reinterpretado esta creadora, facendo das inadaptacións ou desafinidades electivas, a súa maior fonte de inspiración.
Os elementos antitéticos pódense xuntar facendo o descubrimento de novos campos da estética e a utilidade. Os obxectos ideados por esta creadora, abranguen dende as zapatillas para Camper, até os xerros para Ikea. As primeiras con certa natureza de zapato xa usado, e os xerros caracterizados por unha estampación feita á man que está lonxe do estilo industrioso da grande empresa de mobiliario.
Deseñou tamén, dende uns sofás para Vitra donde os asentos e a cor están inspirados na visión aérea dos campos de flores holandeses, até a reinvención da porcelana de Delft. En pezas nas que as medidas desafían a gravidade, as porcelana afúndese coa madeira ou os platos combinan o acabado brilante e estampado en azul tradicional de esta porcelana, coas texturas provisionais da louza sen barniz.
Tanto nas pezas de mobiliario, como nas vaixelas, o deseño de tecidos, obxectos decorativos ou pezas de roupa, hai una constante de combinar a tradición coa novidade estética. Sobre todo se evidencia no seu traballo una ironía e observación intelixente da futilidade da creación de pezas de consumo.
Toda a produción de Hella Jongerius, ten a calidade da investigación e da innovación de posta ó día. Os seus traballos abondan verdadeiramente, no eido do impensable e tentan descubrir novas utilidades a formas precoñecidas, ou novos usos a materiais destinados a utilidades moi específicas. Entre as súas investigacións ou traballos de campo atópase, unha viaxe a México para extraer masa de chicle das árbores autóctonas. Con ela seguiron o proceso habitual da materia prima, cocendo o extracto e logo facendo con el bloques, que depois haberían de fundir novamente para tentar facer con eles diversos obxectos de uso cotiá. A pouca cualidade práctica do material, non procurou ningún resultado con aplicación industrial inmediata, pero sí sirveu para crear un conxunto de pezas escultóricas, que unha vez vistas en conxunto, servían para adiviñar un universo estético e as disfuncións ou “misfits” do chicle como materia prima para facer pratos e bandexas.
O universo de Hella Jungerius é poético, cheo de humor, optimismo e ten tantas posibilidades como un quera imaxinar. Realmente a actitude transnacional destas creacións collen as millores acepcións do termo, para construir un deseño inadaptado e aberto á potencialidade de cambiar o mundo por medio da creación.
Deseño inadaptado en Galicia
O deseñador Arturo Álvarez, presenta as súas pezas de luz na galería de arte Factoría Compostela, en Santiago. Unha produción de lámpadas de formas orgánicas, made in Galicia, que representan unha xenuina forma de creación actual, onde a singularidade estética, afúndese coa tecnoloxía. No caso das lámpadas de Arturo Álvarez, atopamos creacións aplicadas ó deseño industrial que fuxen dos tópicos de tendencia e investigan en posibilidades volumétricas arriscadas e con carga poética. A súas creacións son como evocadores poemas que ademáis teñen unha utilidade. Entre as pezas que presenta, están unhas lámpadas verticais con elegantes sinuosidades que se exhiben baixo o nome Gea. Hai tamén diversas versións da lámpada Nevo. Unha especie de nube suspendida do teito ou apoiada sobre un pedestal que resulta tan fermosa como práctica. Faise imposible non citar ás nubes-escultura de Iñigo Manglano Ovalle, ó ver estas pezas de luz do deseñador galego, pois en ámbolos dous universos aparece a ingravidez como mateira principal. Fánse tamén presentes ó ver as lámpadas, as lixeiras proxeccións de Pipilotti Rist, onde a luz e o calor e as cavidades do seo materno, son una constante e atopan nas videocreacións da artista suiza e nas luminarias do deseñador galego perfecta ubicuidade. Tamén as investigacións químicas e físicas de Olaffur Eliasso, nas súas instalacións e esculturas, merecen ser citadas como paralelismo ó mirar as lámpadas con forma de nube de Arturo Álvarez.
Un clásico do deseño italiano creado por Achille Castiglioni, leva por nome Taraxacum. É unha lámpada formada por grandes prismas de bulbo-bombilla que fan efecto de nube ou asteroide. Sen dúbida que as creacións de Arturo Álvarez, teñen a categoría de un deses clásicos do desegno e deben estar nas casas de calqueira que se considere un “connoisseur”. Non sólo reflicten o novo concepto de “bright shopping”, onde a discrección, a edición limitadas, o intelectual e o dialogado, cobran importancia. Se non que tamén son un exemplo de produto local e á vez universal que encerra o espírito visionario do deseño do futuro.
Ademáis na exposición de Arturo Álvarez, preséntase a colaboración do deseñador galego con Martín Azúa. A unión fai a forza, e hoxe máis que nunca no marabilloso infinito mercado mundial, parece interesante combinar know con marcas internacionalmente coñecidas. Ou marcas galegas con perfil internacional que se apoien en tecnoloxía allea. Arturo Álvarez, crea tamén deseños inadaptados seguindo a senda da creatividade e o talento para captar novos usos, novos materiais, e novas razóns de ser das cousas. Deseño inadaptado e emocional.
Román Padín Otero