jueves, 4 de noviembre de 2010

Roma Sttecento, Fundación Torrente Ballester, Santiago






ROMA en grabados. A colección de Maximino Zumalave
Co gallo da exposición “Roma Settcente” que se está a celebrar na Fundación Torrente Ballester de Santiago, fanse cita nestas liñás dalgúns fitos da cidade eterna na época barroca.

Na evocación do século XVIII a memoria lévanos dunha banda, ás pinturas frívolas dos franceses (Watteau); ás vistas fantasiosas dos venecianos (Canaletto); ós retratos de conversación dos ingleses (Devis). Doutra banda recordamos as alegorías palaciegas xunto ás escenas populares españolas (Mengs, Goya); o clasicismo francés ( David); a frialdade de Cánova. Todo iso é dezaoito, pois foi aquel un século de viaxe dende o exceso barroco do Antigo Réxime cara a unha austeridade neoclásica das asembleas revolucionarias. Son esas as postremeiras plástica as que ocupan este tempo que en metáfora enténdese presidido polo gusto da natureza morta e a estética da ruína.
Aquela, comedia protocolaria do pasado. Esta, drama estético por mor da visita ás arqueoloxías grecolatinas.
Mais, Roma, outrora cabeza do mundo, ¿por qué non aparece rauda na nosa memoria involuntaria do século XVIII?. Por unha inxustiza historiográfica que pode ser compensada ca exposición referida. Ollemos para algunhas fermosuras daquel tempo.
Vía del Babuino
Nese século de viaxeiros, a entrada á cidade pola Porta del Popolo, envolvía ó británico, ó francés de Grand Tour, en líos coa aduana e increpacións mendicantes, superadas as cales, aparecía a Praza. Un gran obelisco sobre unha fonte, deixaba paso ás dúas xemelgas igrexas de Santa María in Montesanto e dei Miracoli. Tres rúas trufan esta perspectiva, da que o visitante toma a da esquerda, vía Babuino. Camiña cara ó barroco con algunhas obras recentes. A escaleira da Trinitá dei Monti, que conecta a praza de España coa Academia Francesa, é unha novidade de 1726. Nesa zona habíanse de atopar célebres residentes como Casanova, Ingres, Byron e Goethe, con outros anónimos paseantes que coñecían a fondo pazos e esculturas, ou aínda aqueles que ocupados nas cousas do amor e do xogo, non chegaban nin á veciña Fontana di Trevi.
A cidade era un paraíso fastoso para os amantes dos xogos de auga en forma de fontes ou Naumatias, os anegados estivais da praza Navona para carruseis náuticos. Tamén deliciosa para os que gustaban das vistas era sobre todo xenial para os romanos.
Vía del Corso
Nesta estreita e longa rúa acontecía practicamente todo. Por ela galopaban os cabalos desbocados en carreira; por ela solemnes marchaban en procesión os axustizados para ser executados na praza do Popolo; por ela bailaban no carnaval romano as máscaras e as mulleres vestidas de negro na coresma. Era o lugar de celebración humana do exceso barroco na cidade. Nel encontrábase a indolencia do pobo de Roma, parece que se traballaba pouco e con pouca gana, coa galantería da Corte Papal, onde un cardeal en carruaxe había de recoller a outro que camiñase, ¡cedéndolle o asento e seguindo él mesmo de á pé con reverencias e abrindo o camiño!
Outra simbiose de refinamento de salón coa humanidade da rúa está na praza Colonna e na contigua Galería Doria Pamphilj. Na primeira tóstase café e faise cociña ambulante. Na segunda os espellos, candeeiros de prata dourada e cristal xunta ás cortiñaxes brocadas serven de escena rococó. Preto a Piazza di Sant´Ignazio, non cabe máis opulencia.
Este paseo desemboca no Foro, no teatro de Marcello, no Coliseo, no Mercado Traxano. Estes escenarios roubados con audacia por Piranesi nas súas “Antiguedades” ou recreados con profusión nos seus “Cárceres”, serven de guía ós intelectuais e artistas cara á simplicidade neoclasicista. Quizais nese camiñar entre cipreses que cobren os pazos imperiais no Palatino, atope o visitante ó historiador Winckelmann.
Vía di Ripetta
Cara ó porto fluvial de Ripetta, tamén toma dirección ó camiñante á San Pedro. Hai novidades dezaoitescas, decididas por Pio VI, pinturas na basílica, dourado no teito, manuscritos na biblioteca, o campanone, a nova Sancristía. Hai unha pretensión do Papa de acercarse ós aires sociais da Ilustración, con melloras urbanísticas como obeliscos e lousados de rúas; tamén orfanatos, xardíns, escola do Salvatore. Os éxitos domésticos do Pontífice non se corresponderon co suceso alén os limes e a invasión Napoleónica, impuxo non só a estética clasicista, se non tamén o pasamento no exilio do Papa
Dese gusto clasicista quedan as tumbas dos Clementes por Cánova, o teito de Villa Albani por Mengs, as francofonías do retrato xacente de Paulina Borghese ou o elán no Palazzo Corsini, circa 1736, onde habería de residir o embaixador José Bonaparte.
Como queira que este século comeza con Sacarlatti, trunfa con Mozart e remata con Beethoven, citemos no remate a J. W. Goethe, cando ó entrar en Roma exclamou, “¡soamente agora comezo a vivir!”
Román Padín Otero.
(a exposición pode verse dende o 3 até o 28 de novembro de 2010)