sábado, 27 de noviembre de 2010

labirinto de buxo, faro de vigo


Labirinto de buxo
Vivimos unha época de eclecticismo que procura ás artes e ós estilos de vida, unha mestura do universal co individual, nunca vista antes. Os artistas, que son espello iluminador e reflectinte das épocas, acumulan nos seus traballos contemporáneos, asertos universais xunto a visións accidentais do cotiá. Para facer esas xustaposicións con efectividade, constrúen os seus discursos creacionais sobre un individualismo estético moi acentuado. ¡O labirinto de creador do século XXI, ten que ser duro como o buxo!
O artista Mark Wallinger, quen gañou o premio Turner no 2007, está a presentar unha obra de arte que é resumo destas características eclécticas que se citan. A obra titulada “Sinema Amnesia”, consiste nunha sala de proxección dun filme feita a partir dun container de mercadorías que se sitúa na costa de Turquía, xunta o Bósforo. Nesta caixa convertida en cinema accidental, proxéctase un filme titulado “Ulises”, que é a gravación das paisaxes que rodean á sala de proxección temporal durante as vinte catro horas previas. Trátase dunha cita deslocalizada á novela de James Joyce, que transcorre nun día e unha noite, ademais de ser un reclamo político e histórico nun enderezo nexo da cultura de oriente e occidente, pois coincide coa postulación de Istambul como capital cultural europea.
Na selección de obras pertencentes á colección Thyssen- Bornemisza Art Contemporary de Viena, que se está a presentar no centro de arte Laboral de Xixón, atopamos tamén obras que mesturan con acerto o global co particular dentro dun aporte estético único e singular. A idea universal da creación con soporte de luces e sombras, atopa en dúas das obras presentadas na mostra, un equilibrio co local.
Unha obra de catro columnas de luz firmada por Cerith Wyn Evans, troca en creación local, cando as columnas son adaptadas ó espazo, tomando medidas específicas para ese entorno. Tamén outra instalación a base dunha retroproxeción de luces tricolor firmada por Olafur Eliasson, toma forma cando o visitante reflicte a súa sombra no muro iluminado polos focos vermellos, azuis e verdes.
Outro xeito de mesturar o universal co doméstico, alleo á temporalidade das intervencións en lugares específicos, atópase na escultura que con forma de acceso a un ventre materno firma o brasileiro Ernesto Neto. As súas propostas combinan recordos sensoriais propios de Brasil cunha estética única e recoñecible entre a vangarda creativa máis contemporánea. Tamén una columna de cristal china de Ai Weiwei, combina unha peza arqueolóxica con cristais de lámpadas modernas, nunha vocación por polemizar sobre o pasado e o presente do país chino, cun formalismo estético rotundo.
Todos estes creadores no ámbito da arte contemporánea son salientables por desenrolar un discurso novo mesturando o seu ámbito familiar cuns asertos universais.
Canto ós creadores que empregan á moda como o seu ámbito de actuación, compre mencionar algúns talentos que están a destacar por ter unha eficaz capacidade para trocar en universal, aquilo que é específico.
Dende hai tres décadas o modisto Jean Paul Gaultier, está a sorprender a todos, mesturando exotismos propios das culturas máis icónicas do planeta, baixo un estilo de parisianismo de tocador e faixa. Os tatuaxes da India transformados en camisa. As camisas dos xudeus ortodoxos convertidas en vestido. Os vestidos chineses convertidos en camiseta. As camisetas de mariñeiro italiano convertidas en vestido. Os vestidos de Nepal convertidos en abrigo. E a saia para home, como emblema transcultural e atemporal.
O coñecemento do contexto postmoderno por parte de Jean Paul Gaultier, levouno a ser capaz de desenrolar a idea vixente de novo eclecticismo nas artes de modo visionario. Ademais, é creador de referencia en integrar a música pop na moda, a vídeo creación musical como soporte de divulgación da moda e a incorporación das rúas ás pasarelas. Todos eles elementos axiais dos labirintos de buxo creativos na actualidade.
Esa mestura que fan os artistas referidos e o deseñador citado, atopámola tamén no contexto do país galego. Non cabe dúbida que Adolfo Domínguez hai anos tomaba o eixo galaico trufado de xapónico e creaba un novo vestiario. O mesmo que na actualidade Charo Froján, en D-Due, crea o que ela denomina moda de ningunha parte pero con acentos galaicos e manufacturada en Galicia.
Cantantes como Mercedes Peón, levan o folk galego a referencias de percusión étnica sen orixe. Músicos como Fernando Buide, fai música clásica contemporánea transatlántica con leitmotiv de flor de toxo. O compositor Juan Durán, compón a ópera “O arame”, con libreto en galego e calidade universal. E como non, artistas como Antonio Murado ou o máis mozo Carlos Maciá fan revisións das abstraccións con universalidade ilustrada.
Hoxe máis que nunca as profusas informacións das que gozamos, lévannos a un eclecticismo cultural onde o local resulta núcleo duro dunha melé internacional. Madeira de buxo para non perderse no labirinto.
A educación modal
Nos concursos, unhas veces se gaña e outras se perde. No que se refire ós novos deseñadores formados na Universidade de Vigo, en Esdemga, parece que están en racha, e van alcanzando triunfos nos diversos certames, que no eido de creación téxtil están sendo convocados.
Hai pouco Isabel Mastache, era seleccionada a participar no festival francés de Hyeres. Hai unhas semanas Jandro Villa gañaba o concurso Ande no Macuf da Coruña. E días despois Leticia Blanco, triunfaba no concurso Tesoira.
Sen triunfalismos, por que unhas veces se gaña e outras non, o que si é certo é que unha nova xeración de novos deseñadores, con creatividade de “buxo”, está a saír das aulas da universidade galega. Non é pouco importante que no país onde ten domicilio unha das primeiras empresas de téxtil do mundo, como é Zara, se teña tamén un laboratorio de formas onde afondar nas estéticas integrais e eclécticas de século XXI.
A formación integral na que participan estes novos deseñadores, pon énfase no emprego dun leitmotiv como argumento para o desenvolvemento do traballo creativo. Así facendo variacións sobre un tema, ponse na mesa de traballo toda a bagaxe doméstica e aprehendida, de cada creador. De xeito que da mestura de ámbolos dous segmentos da personalidade do individuo xurda un novum creativo apto para o contexto mercantil e experimental da moda na actualidade.
Os esforzos en formación, producen efectos e satisfaccións, tanto dende o punto de vista da forxa dun ideario xeracional, como da compensación que eses esforzos repercuten en toda a sociedade. No festival “Debut”,presentan cada ano os novos deseñadores de Esdemga, as súas creacións. Daquela compre mirar de cerca as propostas destes novos talentos, e advertir como se produce con éxito o desenrolo da creatividade involuntaria do individuo coa conexión no contexto máis internacional. No labirinto da moda con éxito na educación sentimental ou modal.
Román Pdín Otero