jueves, 7 de octubre de 2010

Transversalidades, Faro de Vigo

Transversalidades
Unha exposición celebrada na compostelana galería de arte, Factoría Compostela, no inicio do verán, serve de leitmotiv para reflexionar sobre as formas de expresión artística na nosa chamada “sociedade da decepción”.
Na mostra, catro exposicións dedicadas á moda, á arte, á xoiería e ó deseño industrial, ocupaban o espazo expositivo baixo o título “Transversalidades”. Foi unha celebración de fusión entre disciplinas que responde de xeito evidente ó gusto polo resumo e a divulgación, tan afeito ós nosos tempos.
Esta circunstancia de mesturar formas de expresión artísticas, é sen dúbida unha bondade que abre fiestras a novos campos. Mais é asemade representativa dun estado da cuestión creativa. A cultura do século XXI, mesmo a sociedade no século XXI, toma a deriva da simplificación, e a modernidade que presupón a integración entre disciplinas, pode agachar ás veces reducións de contido ou edicións “vulgata” de grandes creacións.
O profesor Gilles Lipovetsky, describe nun dos seus derradeiros libros, a situación actual de ansiedade na que vivimos. Beneficios absolutos acometidos polo mundo moderno, como os logros democráticos, a liberdade, a aconfesionalidade, o libre mercado, están asemade a provocar non poucas disfuncións e complexas situacións de desacougo na sociedade actual.
Explica o filósofo que tanto nas relacións sentimentais como nas relacións de autoridade ou laborais, hai unha posibilidade de autonomía por parte de cada individuo, tan grande, que se chega a un individualismo de superhome, que en vez de crear satisfacción provoca decepción. Hai unha velocidade tan grande en todo o que se fai nos nosos días, e hai asemade unha brevidade nas relacións afectivas ou mesmo profesionais, tan graves, que se non se lles atopa outra explicación para describir a súa natureza que comparándoas ó sistema da moda. As condutas e relacións trocan coa mesma alegría que as coleccións de moda. Todo resulta efémero provocando ansiedade, a ansia.
Aquel filme homónimo, interpretado por Catherine Deneuve e David Bowie, contaba con esteticismo paralizante unha historia de paixón, sangue e vampirismo. Nun ambiente sofisticado e elegante, a ansiedade de acadar o sangue para continuar resultaba tan letal como perenne para os protagonistas. É un exemplo dramatizado de sociedade da decepción, onde baixo o envoltorio da estética está agochada unha latencia terrible e voraz.
No eido da creación plástica esta situación de decepción, toma formas diversas e aparece representada de xeitos múltiples. A partir dos anos do posmodernismo, comezase a facer visibles as integracións entre disciplinas artísticas baixo o slogan de que todo é válido. No feísmo do postmodern, o exceso de cor convivía cos cubos brancos e as utilidades funcionais tiñan cabida coas retóricas rococó de grupos creativos como Memphis ou arquitectos eclécticos como Philip Johnson, persoeiros que divulgaban as súas creacións dende as páxinas da Interview de Andy Warhol.
Décadas despois atopamos sistemas creativos como os das edicións da moi celebrada deseñadora Patricia Urquiola e arquitectos como Sanaa, formado por Kazuyo Sejima e Ryue Nishizawa, que divulgan as súas creacións dende revistas máis cheas de letra que de imaxe, como Monocle, e son exemplo da nova forma de integrar na hipermodernidade.
Durante varias décadas, e até ben chegado o novo milenio, este sistema de “ensalada” cultural funcionou perfectamente. E deste trufado de estilos, métodos e disciplinas, xurdiu o concepto de transversalidade.
Un concepto que ten moito que ver co nomeamento de “sociedade da decepción” á nosa contemporaneidade. Un momento histórico onde fronte ó orixinal trunfa a copia. Fronte á lectura de longos ensaios prefirese a lectura de titulares. Fronte á dificultade de entendemento de formas plásticas en soportes únicos prefirese a intertextualidade e aceptación de tódolos soportes artísticos como adecuados para a expresión creativa.
Todas estas características, da arte da decepción, poderían apreciarse como unha débacle. Mais non son outra cousa que as características dun tempo, o noso tempo. Mirar transversalmente para comprender.
Román Padín Otero