O estudo do artista
Unha exposición dedicada ó pintor Caravaggio no palazzo Venezia de Roma, pon en valor a importancia do traballo no atelier do artista. Neste século XXI, onde a curiosidade ten sido mais importante que o interese, parece que comeza unha volta de porca, e logo de anos da cultura do espectáculo, aparecen formas expositivas, culturais e creativas, vinculadas á análise rigorosa, sobre bases históricas ou científicas.
Nos derradeiros anos do século XX, no tempo chamado dos deseñadores, proliferaron as liñas artísticas soportadas sobre bases de creación instintiva de formas e composicións. Sen importar demasiado o sentido ou a razón das cousas, os estertores do postmodernismo, levaron parello unha decadencia intelectual e técnica no eido creacional, que funcionaba como se de fogos de artificio se tratara.
Moitas formas de conduta actuais, toman a súa orixe, nesa estética de bazar que encheu os derradeiros momentos da década dos noventa. A tendencia a preocuparse polo novo e non polo necesario. A tendencia a preocuparse polo prezo e no pola calidade. A tendencia a ler titulares e a non abondar no fondo do texto. A tendencia a mirar e non ver. A tendencia a tirar una fotos dixitais indiscriminadamente. Son todas elas modalidades de conduta herdadas do postmoderno, que nestes anos de hipermodernidade, téñense convertido en case que enfermidades sociais que necesitan de tratamento médico. Nesta sociedade de opulencia, necesitada de psicólogos, dietistas, esteticistas, que está allea ós filósofos, pensadores e libre creadores, aparecen as disfuncións da cultura do espectáculo. A compra tórnase en compulsiva e lúdica. A superficialidade e a ansiedade chegan ós seus máximos expoñentes, e malia estar nun momento de redistribución da riqueza mellor que en etapas históricas previas, a sensación de insatisfacción é infinita e afecta a tódalas capas da poboación.
No ámbito da xestión cultural e da creación de consumo de masas, esta situación de hipermodernidade, atopa nas grandes exposicións de afluencia masiva e nos desfiles e coleccións de moda de prêt à porter, os seus exemplos máximos de consumo insatisfactorio e superficial.
Na época das vangardas, na que o modisto Jacques Doucet, célebre en París polos seus traxes sinxelos para a vida social das mulleres á moda, mercara o cadro “As señoritas de Avignon” a Pablo Picasso, a visión da arte era máis concentrada e específica. O propio Doucet, mostraba o cadro de Picasso, como una singularidade, único e non ligado a una morea de bodegóns e composicións cubistas que lle fixeran orquestra. Mirar o cadro nun salón para analizar a estética e iniciar conversa ou discusión sobre extremos creativos.
Un pintor da época, Paul Gauguin, está a ser suxeito dunha grande retrospectiva na Tate Modern de Londres. Unha grande selección de obras do autor, exhíbese provocando grandes colas que deron lugar a queixas e protestas por parte da audiencia que esperaba horas para acceder.
Entre a elegancia de mostrar un cadro solo e a vulgaridade de esperar horas para ver en manada una morea de cadros, é preciso buscar o punto intermedio que se atopa na análise intelectual e filosófica das creacións. Non é necesario ver todo en persoa, é esencial pola contra, analizar e comprender as razóns das creación e a súa xénese. A transmodernidade estará encamiñada cara a ese ámbito, cara ó porqué do artista, cara as súas innovacións técnicas e ó seu traballo de atelier.
No eido da moda acontece algo semellante. A sociedade merca polo feito do ocio, non por desexo ou necesidade. A moda que debería ser sinónimo de elegancia, atopa nas súas iconas de referencia, compradoras tipo “Sexo en Nova York”, o arquetipo da vulgaridade. Non hai nada mais vulgar que a compra compulsiva, un placebo para quen afecto ás adiccións non se atreve coas drogas duras ou co sexo salvaxe, ou coa lectura compulsiva, ou co estudo arrebatado.
O Duque de Westminster quen fora amante de Coco Chanel, era descrito pola deseñadora do xeito seguinte “Westminster é a elegancia en persoa: nunca ten nada novo, teño que ir eu mesma mercarlle os zapatos, leva as mesmas chaquetas dende hai vintecinco anos”.
A moda, afogada na hipermodernidade do exceso de coleccións e ausencia de creatividade, está crecendo de xeito exponencial sobre dous segmentos bipolares de mercado, o luxo máis absoluto e o consumo masivo. E presenta tan solo unha porta aberta á creatividade no referido ó taller do deseñador, na súa relación con músicos, vídeo creadores, artistas, materiais e tecnoloxía.
A moda non será de consumir e tirar, será un almacén de estilo construído ó longo dun peregrinar cultural, centrada nas calidades técnicas e no oficio.
Entre talleres ou ateliers de arte e moda.
O estudo de Caravaggio
Dúas expresión creativas contextualizan o interese actual pola xenealoxía das artes. Unha exposición e un desfile, serven de referente.
Na exposición “O estudo de Caravaggio” , no Palazzo Venezia de Roma, non atopamos cadros do mestre barroco. Se non que visitamos una mostra de carácter didáctico para coñecer mellor as innovacións estilísticas e o modo de traballo do mestre italiano. Informacións sobre a cámara obscura, sobre a iluminación sobre fondo branco invertida, sobre a ausencia de visitantes no estudo do mestre, serven para entender e afondar na arte apoiada dos volumes e os contrastes alumínicos do mestre barroco. Logo de visitar a exposición, que tamén podía ter forma de ciclo de conferencias ou lección maxistral, a nosa forma de mirar os cadros de Caravaggio é outra, entendemos mellor aspectos que outrora pasaban desapercibidos para nós.
Noutra capital europea, en París, celebrouse un desfile que tamén facía gran incidencia no taller do creador, na forma de crear e nos materiais. O estilista Nicola Formichetti, ven de ser nomeado director artístico da casa Mugler. Unha das mais grandes empresas de listo para levar nos anos oitenta, que logo de ser sedución de incondicionais, está agora a ser redescuberta polo gran público, a través de figuras como Beyoncé ou Lady Gaga.
A cuestión é que un equipo creativo formado polo propio Formichetti, cun muso inspirador chamado Rico, que ten todo o corpo tatuado como un esqueleto, e tamén o realizador Mariano Vivanco, veñen de poñer en escena a maior e mais influinte acción que se recorda nos derradeiros anos na moda. Roupa chea de discurso, sen apenas posibilidade de ser práctica en moitos caso, pero chea de optimismo e gusto pola estética da arte pola arte. Roupa dende logo apoiada no pensamento en grupo, como se fose una escola filosófica, con materiais que desafían o convencional e pide ós que se atrevan a lévalo, tanta destreza como ós propios creadores.
A trasnmodernidade está aquí, chea de materiais e traballo de taller, coñecer a xénese para saber onde, cando e porqué.
Román Padín Otero