jueves, 14 de julio de 2011

Taxidermia do traxe, Faro de Vigo



Taxidermia do traxe

O interese que desperta a moda dentro da programación expositiva dos museos na actualidade, invita a facer unha análise sobre as postrimeiras ubicacións do traxe como fenómeno de masas, ocupación intelectual e experiencia exánime de gabinete de coleccionista.

A realidade é que a moda está ideada para levala. A máxima expresión do que está de moda é ver, ademáis de ser visto, nas rúas da cidade. A moda é pulsión, vibración e experiencia fugaz de fermosura feble tanto no seu carácter como nos materais dos que está feita. Frente a esta realidade do instántaneo da moda, aparece a permanencia do concepto de estilo. Chanel, Yves Sait Laurent ou Jean Paul Gaultier, son entre outros os talentos que no ámbito de artes aplicadas en téxtil , traspasaron a flor de un día en forma de moda para acceder ó perenne do estilo. En ámbolos dous casos, o da moda ou o do estilo, aparece como carácter inherente delas o do uso. As prendas están feitas para ser levadas.

Cando son os museos os que incorporan ó seu calendario programático a moda ou o estilo, acontece que se retira delas a vívida realidade do uso. Estamos fronte a unha experiencia metafísica cargada de melancolía. Nos cadros de Giorgio de Quirico, aparecen habitualmente maniquís, que veñen a representar inquedantes compañías en perspectivas de atardecer entre edificios fabrís. Esa experiencia estética de desarraigo é exactamente a que atopamos cando as roupas son expostas nos museos como se foran pezas escultóricas alleas á vida do uso.

Tamén os surrealistas de París, se acercaron á moda con frecuencia, tanto realizando fotografías ou escenarios para revistas de moda, onde se impregnaba toda a súa estética onírica e irreal, como creando estampados ou modelos exclusivos para casas de costura. Eles tiñan tamén paixón polas relacións letais do home e a máquina. O home e o maniquí, foi de cotío o enderezo onde esconder complexos e distraccións amatorias de non poucos surrealistas. Desta volta, tamén a moda aparece referida como allea á vida, encerrada na rúa sen salida da sala de exposicións. Daquela a moda no museo, metafísica ou surrealista está carente de vida pero atribuída da forza estética da arte. Ben certo é ademáis, que tanto o surrealismo como a metafísica, son dous dos movementos artísticos millor recibidos polas masas, o mesmo que a moda.

A moda levada ó museo, como no caso da exposición de Dior no museo Pushkin de Moscú, pon en valor a realidade do vestido como experiencia intelectual idónea para coñecer os movementos sociais e a evolución dun rexime político e as súas progresións co mercado capitalista. Ademais serve de instrumento para apreciar a evolución da fotografía de moda e os –ismos artísticos que tiveron influencia en reportaxes e publicacións. Ademais o que se coñece como crítica de arte comparada, toma presenza absoluta nesta exposición, ó establecer numerosos paralelismos entre obras mestras da pinacoteca rusa cos modelos de Dior. Dende o decadentismo até o realismo social, dende o suprematismo até as pinturas realistas de Winterhalter, serven como referentes para analizar unha liña máis aló das posibilidades de lectura da moda allea ás rúas.

Cando ollamos exposicións como a que dedica o Metropolitan Museum de Nova York a Alexander Mcqueen, baixo o título “Savage beauty”, aparece inmediatamente a presenza do fantasmagórico. A beleza conxelada do gabinete de coleccionista, onde alleos á súa utilidade habitual aparecen numerosos obxectos sacados da terra, do mar e do aire, para cumprimentar o capricho almacenístico do afeccionado ás artes. Os traxes de Mcqueen, o mesmo que os copos feitos de nautilus, do gabinete barroco de un coleccionista, aparecen caracterizados por ter sido dende a súa orixe, pezas sen mais utilidade que a da ensonación. Os obxectos do gabinete, o mesmo que os traxes de Macqueen, son fermosos mudos, que aportan todo e nada, como a poesía. Son versos esenciais, pero prescindibles que compoñen un poema de taxidermia. Cando miramos os animais disecados, acontece algo semellante a cando colocamos a moda no museo. Non teñen vida pero, ¿quen non desexou algunha vez ter por compaña un peludiño feito de algodón?

A taxidermia da fermosura, non é negativa, é simplemente unha opción. A xélida actitude dun autómata, a frialdade duns traxes enmarcados como coleópteros.

Todas as posibilidades que nos ofrece a moda sacada do seu contexto real do uso cotiá, serven para facer metalinguaxe do vestido e entender millor porque a moda ven de se ter convertido na relixión do século XXI.

Recitando moda

Un dos creadores de moda que máis alonxado se atopou da acepción da moda como elemento de uso cotiá é Hussein Chalayan. O creador, que aparece dende os seus inicios mais cercano ás salas dos museos, ás bienales e ás salas de proxección audiovisual que á rúa, é suxeito nesta tempada dunha exposición no Les arts décoratifs de París, baixo o título “Récits de mode”. Os traballos de Chalayan, son sempre unha aseveración de principios que non resultan fácticos per se, pero que sí resultan absolutamente influíntes nos outros creadores. As súas ideas da muller incorporada a unha nave espacial ou traxes esculpidos polo vento, son algunhas das grandes frases que crean os leitmotifs de numerosas coleccións comerciais de moda cada tempada.

As aseveracións de Chalayan, están sen dúbida caracterizadas pola idea da cultura do espectáculo e a conceptuación das exposicións como vehículo idóneo para difundir unha mensaxe, fronte ás outras posibilidades da escrita dun libro, dictar unha conferencia ou empregar medios audiovisuais como internet.

Ademais as súas pezas son unha reflexión intelectual sobre a decadencia dos materiais, as posibilidades das formas e a mutación como elemento inherente ás formas escultóricas. O traxe cotiá cambia con cada usuario, o traxe de Chalayan, cambia mesmo na inerte realidade das salas do museo.

Hai en fin, una calidade de taxidermia tamén nos traxes de Chalayan. Así aparecen todas esas donas vestidas con traxes inmóbiles que tentan discutir a necesidade de que a roupa seña flebe. As roupas escultura de Chalayan, desafían mesmo a natureza móbil dos tecidos, para incorporarse ó eido matérico e pétreo da escultura sen pedestal propia do século XX e XXI, pero exenta da virtualidade do movemento. Entre modas e taxidermias se mira o traxe nos museos contemporáneos.

Román Padín Otero