jueves, 18 de septiembre de 2014

Os anos cincuenta en Francia FV 18.9.2014



Os anos cincuenta. A moda en Francia
Unha exposición no Museo da Moda da vila de París, o Palais Galliera, percorre os anos cincuenta en Francia dende a moda. Un paseo pola era dourada da alta costura.
O 12 de febreiro de 1947, Christian Dior presentou o desfile da colección “Corola”, facendo unha proposta radicalmente nova que fuxía das estreiteces dos anos bélicos e avanzaba cara á opulencia estética dos anos cincuenta. Propoñendo grandes saias con metros de tecido, ombreiros suaves, cinturas de avespa, escotes importantes e fantasía en traxes de cóctel ou de gala. A pegada na audiencia foi tal, que a redactora do Harper´s Bazaar, Carmel Snow, titulou ó novo estilo de Dior, como “New look”.
A forte presenza de Christian Dior na década, aparece subliñada tanto pola influencia estética das súas sucesivas e innovadoras coleccións, como polo éxito de vendas. No ano 1950, o desfile outono inverno dura máis de tres horas, con 12 maniquís, presentando 191 modelos, 64 abrigos e 23 peles de pelo. Todo un acontecemento estético, cunha duración semellante a un drama infinito Wagneriano. Nese mesmo ano 1950 o 49% das exportacións da costura francesa eran de Dior.
No ano 1957, tras dez anos ó fronte da súa casa de alta costura, un reinado breve pero intenso, Christian Dior falece repentinamente e o seu asistente Yves Saint Laurent, saíndo da sombra, ten sido nomeado couturier da maison. Pechando unha era, a dos anos dourados da alta costura e abrindo outra cara ó prêt à porter de luxo, do que Saint Laurent sería grande artífice.
A etiqueta deses anos requiría de polo menos cinco ou seis tipos de traxes no armario dunha dona elegante. Vestidos de día, de tarde, de campo, de cóctel, de gala e de cerimonia. Ademais de requirir de complementos esenciais como sombreiros, guantes, xoias e bolso. As revistas da época estaban daquela divididas dese xeito, unha estrutura que se repite na exposición. Cunha incidencia notable no traxe de cóctel que é o emblema da década, un eido onde a fantasía dos creadores atopaba o seu Olimpo.
Jacques Fath, é outro dos modistos emblemáticos da época, caracterizado pola alegría, xovialidade e asimetría nos cortes dos seus modelos. Pierre Balmain, con creacións inspiradas nos traxes de Corte do século XVIII. Onde o corsé, as costas e ombreiros ó aire, xunto a importantes saias longas con gran volume subliñan a estética do momento. E o mestre de todos, Cristóbal Balenciaga, cun equilibrio entre o rigor francés e o temperamento español, coa silueta barril e traxes inspirados nos grandes pintores do museo del Prado.
Non soamente hai homes creando alta costura na época. Madame Grês, con vestidos onde o drapeado de evocacións clasicistas é característico, ten unha pegada axial. Jeanne Lanvin, ten unha continuidade na década con Antonio Cánovas del Castillo. O modisto español ó frente de Lanvin-Castillo, quen logo de traballar con Paquin, Elisabeth Arden e Chanel, continúa con austeridade de formas e fantasía nas cores o legado déco de Madame Lanvin. En fin Mademoiselle Chanel, tras anos retirada da profesión, retoma a súa carreira con 71 anos no 1954. A súa volta non atopa o éxito inmediato, mais coa súa proposta do “tailleur” ou traxe xastre sinxelo en tweed con saia recta e formas básicas, abrirá o camiño ó estilo do listo para levar da década seguinte.
Outros creadores como Carven, con roupa para mulleres máis pequeniñas. Jacques Heim, que pasou de peleteiro a couturier e contou coas artes no seu traballo. Hubert de Givenchy, coa emblemática Audrey Hepburn como musa. Pierre Cardin, con maxisterio no corte e visión futurista. E o grego Jean Dessés coas súas mulleres crisálida. Conforman o espírito dunha época que converten ás maisons parisinas en patrimonio nacional.

O cine dunha época dourada
As formas sinuosas de Marilyn Monroe e a elegancia atlética de Jane Russel, en “Os cabaleiros prefiren loiras” de Howard Hawks no ano 1953, son memoria fílmica do estilo da década. Unha interpretación Hollywoodiense do chic da época, pero que resume ben a sofisticación e hiper feminidade deses anos.
A beleza xélida de María Casares, musa do cinema e o teatro francés, ten tamén moito que dicir na elegancia da época. No ano 1945, é protagonista do filme “Les dames du bois de Boulogne” de Robert Bresson. Dous anos antes do new look de Dior, a imaxe de Casares no filme, onde interpreta a unha elegante dona de cidade, é resumo da moda dos anos corenta. Con xastres rigorosos, sombreiros con forma de ril e gran tamaño, e capas en forma de paralelepípedo que evocan o estilo de Elsa Schiaparelli.   No ano 1959, cando baixo a dirección de Jean Cocteau, figura no “Le testament de Orphée”, vemos outra imaxe da grande actriz. Tecidos envolventes de forma drapeada dende a cabeza a modo de velo até os pes como unha túnica votiva se suceden na cinta. Evocando o estilo de Grês, Dior ou Fath. Tamén grandes saias con volume baixo capa lixeira, aparecen en outras escenas da cinta, evocando á estética de Saint Laurent. Así María Casares, neses dous traballos e musa, alfa e omega do estilo dunha década de grande luxo.
Non hai que esquecer o estilo xuvenil da década, antecedente do prêt à porter dos anos sesenta, que ten bo espello en “Vacacións en Roma” de William Wyler, protagonizado por Audrey Hepburn, que recolle a moda das mociñas deses anos.

Román Padín Otero